http://praza.gal/
O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG) manifesta nun comunicado a súa "completa oposición" á modificación da Lei do aborto que recolle o anteproxecto presentado en decembro de 2013 polo Goberno central. O Colexio sinala así mesmo que a reforma "constitúe un grave factor de risco para a vida da muller e unha conculcación dos seus dereitos individuais". Para o COPG, este anteproxecto da Lei de Interrupción Voluntaria do Embarazo "implica un terrible retroceso na igualdade e na liberdade das mulleres e vai en contra das recomendacións sanitarias internacionais nesta materia. Así, a Organización Mundial da Saúde indicaba en 2012 que a eliminación das restricións sobre o aborto repercutía na redución da mortalidade materna causada polas prácticas abortivas inseguras e, polo tanto, supón unha diminución no nivel de mortalidade materna".
Engade que cambiar a lexislación a unha lei de supostos como a que se está a contemplar "terá graves consecuencias para a muller", pois, por unha banda, "perde o dereito a decidir sobre o seu propio corpo e a súa vida, e pasa a estar nas mans dos e das profesionais da saúde mental". "O aborto é unha decisión que debe ser estritamente tomada pola muller, e non por iso debe ser considerada como unha enferma mental", subliña.
"No caso de alegar un dano psíquico, a muller cargará co estigma de ser definida como unha enferma mental duradeira no tempo ou mesmo permanente, o que pode ter consecuencias noutros aspectos da vida"
Para o Colexio, "esta lei contempla a muller como un ser inmaduro que non ten capacidade para decidir pero tampouco para ser responsable do aborto se é considerado ilegal". Se finalmente a interrupción non entra dentro dos supostos que recolle a lei (que sexa un embarazo froito dunha violación denunciada ou que a nai poida sufrir danos físicos ou psíquicos duradeiros ou permanentes, aínda que parece que se van incluír unha lista de malformacións graves incompatibles coa vida), serían os especialistas que asinaran os informes as persoas que terían que responder diante da xustiza; a muller non é xuridicamente punible.
Así pois, engade o documento, "no caso de alegar un dano psíquico, a muller cargará co estigma de ser definida como unha enferma mental duradeira no tempo ou mesmo permanente, o que pode ter consecuencias noutros aspectos da vida, como por exemplo, nun conflito pola custodia dos fillos ou en circunstancias legais onde poida verse incapacitada". O Colexio lembra que durante a vixencia da lei de 1985, tamén de supostos, o 96,77% das mulleres que abortaban facíano polo suposto de risco psíquico para a nai. En cambio, coa lei de 2010, na que non se argumentaban razóns, 9 de cada 10 mulleres abortaron fixérono por decisión propia, e apenas o 7,3% o fixo por risco para a saúde. Isto fai previsible, indican, que se este anteproxecto de lei entra en vigor, a “enfermidade mental” repuntará como causa na maioría das interrupcións voluntarias do embarazo.
"Deixa aos e ás profesionais, desautorizados e diante dun dilema ético: sinalar un problema mental que non existe para non abandonar a muller e que poida abortar"
Así mesmo, acentuaranse as desigualdades, co que as mulleres que conten con recursos económicos poderán acceder a clínicas privadas ou a centros no estranxeiro e exercer o seu dereito en condicións de saúde dignas, mentres que as que non dispoñan deses recursos ou estean en situación de exclusión social, verán como administrativamente se eternizan os prazos, recorrerán a prácticas abortivas inseguras ou levarán adiante un embarazo non desexado, sinalan.
O texto conclúe que "os e as profesionais da saúde mental non queremos ser xuíces nin titores das mulleres, non debemos exercer a nosa moral nin decidir sobre os dereitos das persoas"
Ademais, continúa o texto, as condicións esixidas para practicar esa interrupción do embarazo, de acordo co texto presentado en decembro de 2013, inducen a desconfiar da competencia dos propios e propias profesionais por parte da Administración, xa que esixe dous informes médicos recoñecendo o risco para a saúde física ou psíquica da paciente de xeito duradeiro ou permanente, e ningún deses ou desas profesionais pode pertencer ao mesmo centro clínico onde se practicaría o aborto nin ser o ou a especialista que o executaría. "Todo un exercicio de retorcedura legal para asegurar un aval que non se solicita para ningún outro proceso sanitario, o que deixa unha vez máis á muller como unha persoa incapacitada e aos e ás profesionais, desautorizados e diante dun dilema ético: sinalar un problema mental que non existe para non abandonar a muller e que poida abortar", din.
O texto conclúe que "os e as profesionais da saúde mental non queremos ser xuíces nin titores das mulleres, non debemos exercer a nosa moral nin decidir sobre os dereitos das persoas. É por iso que lamentamos o retroceso lexislativo que supón a lei que pretende levar adiante este goberno e esiximos a súa retirada".
Ningún comentario:
Publicar un comentario