martes, 10 de maio de 2011

Despois das Eleccións Sindicais… que?

por abc Maio 2011

A partir do dereito de liberdade sindical de tódolos españois e do dereito dos sindicatos para defender e promover os intereses económicos e sociais dos seus asociados, ambos recollidos na Constitución (Artigos 28.1 e 7) e desenrolados tanto no estatuto dos traballadores como na Lei Orgánica de Liberdade Sindical, xurde o dereito dos traballadores a ter representación sindical. Estes representantes elíxense cada catro años en votación dentro de cada empresa, aínda que seu número varía en función do número de traballadores.

Os dereitos de sindicación obreira foron, difíciles conquistas dos traballadores, unhas organizacións que tiveron moito que ver co restablecemento da democracia en España. De mozo colaborei con sindicatos de clase. O noso obxectivo era defender os intereses dos traballadores en xeneral, e isto supuña ser parte dunha estratexia política de esquerdas, sendo os nosos aliados os partidos políticos de esquerdas, independentemente de desacordos puntuais. Nosos inimigos eran os chamados sindicatos amarelos (patronal) e os sindicatos corporativistas, como os de médicos, pilotos de aviación etc, que só defendían os intereses de sectores privilexiados, as máis das veces opostos aos intereses comúns de tódolos traballadores. Dende os sindicatos de clase defendese o interese xeral e intentase có sistema sanitario este ao servizo daqueles có necesitan, os cidadáns; remarco, os sindicatos de clase CIG, UGT e CCOO etc… defenden o “interese xeral de tódolos traballadores” xa que representan a médicos, enfermeiras, auxiliares, celadores, persoal de administración etc… "cinco en un" non fai “falla ter cinco sindicatos”. 


Hoxe temos conseguido “democracia” e progreso material, pero como efecto secundario indesexable trastornouse a conciencia social de moitos, que nalgúns casos optan ou teñen optado pola corrupción ou corruptela como forma de vida, isto tamén afecta ós sindicatos “de clase”, algúns dirixentes sindicalistas participan na feira do clientelismo ata límites insostibles… pero aínda con fallos, gustaríame en definitiva, cos sindicatos abandonaran seus modos de funcionarios e asumiran que son a mellor ferramenta que como traballadores temos para mellorar as nosas condiciones de vida e traballo.



Para a dereita, as Eleccións Sindicais son puramente intrumentais e, a democracia válida en tanto serva para consolidarse no poder… facendo se fai falla división social ou confrontamento…
 
Qué fan ou farán no futuro CESM/OMEGA, SATSE, SAE, CESIF?

Na súa forma máis ampla, o modelo corporativista supón a creación de corporacións profesionais onde se agrupan todos cantos “traballan” en determinada profesión, como obreiros ou como patróns; os españois coñecemos estas corporacións co nome de “sindicato vertical”, de cando estaban prohibidos os partidos políticos, un sindicato amarelo pregado á patronal tras un indecente pacto de beneficio mutuo, un sindicato corporativista, que impón seus privilexios aos cidadáns, ós que fai prisioneiros de seus intereses, o que máis sorprende destes sindicalistas no é só o seu indesexable corporativismo, é cando argumentan que eles son defensores do público que a súa loita é evitar a xestión privada dos servizos públicos, que non o fan para defender intereses particulares senón para salvar a comunidade, un argumento para obviar o esencial: ninguén vota aos sindicalistas para xestionar o público.

Dende fai algúns anos, o sindicalismo corporativo prolifera na sanidade pública. Este é un problema para a sanidade pública e para o seu persoal, por diferentes motivos:

1. A presenza dos sindicatos corporativos na mesa sectorial supón un retroceso na negociación colectiva  coa Administración porque a máxima prioridade destes sindicatos é manter reivindicacións permanentes referentes ao colectivo que din representar, deixando de lado a defensa dos intereses de tódolos traballadores/as. A maioría destas reivindicacións sitúanse ao marxe da realidade que nos rodea o incluso raian o absurdo.

2. O obxectivo destes sindicatos corporativos é xustificar súa existencia en ser identificados como sindicato referente do colectivo o que din representar, converténdose nos maiores aliados da Administración á hora de sacar adiante proxectos, afectando negativamente nos intereses dos traballadores/as, sendo os mellores aliados para os contrarios a sanidade pública porque favorecen a partición da negociación colectiva, non fan defensa dos intereses dos traballadores nin dos seus logros, aboan o terreo aos inimigos do público.

3. Algúns sindicatos corporativos só aparecen en campaña electoral porque seu único obxectivo é conseguir estar na mesa sectorial. Venden que o colectivo o que din representar ten que ter voz propia na mesa e que iso só se consigue votándoos a eles. Soen obviar que outros sindicatos, teñen tamén afiliados/as neses colectivos. Cando conseguen a representatividade permanecen catro anos desaparecidos deixando unha penosa imaxe, propostas pobres e interesadas que só conseguen dividir, o cal moitas veces impide avanzar nas negociacións.


4. A necesidade de reafirmarse no seu corporativismo lévaos a intentar desmarcarse continuamente dos sindicatos de clase sen ningún pudor,  aínda que afecte negativamente ós que din representar. Un exemplo é a actitude pasiva ante a brutal e inxusta rebaixa de salarios dos empregados/as públicos. Mentres os demais sindicatos votáronse a rúa e convocaron mobilizacións, incluídas Folga xeral, os sindicatos corporativos non moveron un dedo e incluso fixeron campaña en contra destas mobilizacións, sen ter en conta o prexuízo que facían a estes colectivos e á sanidade pública.

Os sindicatos de clase teñen demostrado que son capaces de defender a calquera traballador/a independentemente do colectivo ao que pertenzan, ademais do valor engadido de defender os intereses do conxunto dos cidadáns, xa sexan traballadores ou desempregados.
Por todo elo, reflexiónemos fronte á actitude destes sindicatos, despois das Eleccións Sindicais, e apoiemos ós sindicatos de clase que defendan os nosos dereitos como traballadores/as, da sanidade pública e non abandonemos nas situacións difíciles, cando as adversidades nós poñen a proba. Estes non soen dar pasos atrás, nin ceder nos dereitos de representatividade democrática cos traballadores lle damos cando votamos, os sindicatos sanitarios corporativos non defenden os intereses xerais senón intereses egoístas, lexítimos pero egoístas, non tendo en conta a traballadores/as nin usuarios.

Se a sanidade existe como tal servizo público é grazas ás conquistas sociais do movemento obreiro.



É posible que algúns empregados públicos véxanse tentados a desentenderse da sorte do conxunto dos traballadores. As razóns poden ser moitas. Nalgúns calaría a mensaxe que repetidamente transmiten ultimamente os medios de comunicación de que a solución aos seus problemas pasa pola desaparición dos sindicatos, dos liberados e en definitiva, pola eliminación de calquera estrutura organizativa dos traballadores en defensa do individualismo consumista. Outros, instalados nalgún sindicato corporativo, seguramente non defendan os intereses xerais porque non vai con eles xa que non aborda os seus estritos problemas profesionais. Se ben, tamén haberá quen desde estas organizacións se escude baixo proclamas tan estridentes como baleiras, sen ningunha implicación no traballo activista, estes últimos finalmente poden participar aínda que busquen só tranquilizar a súa conciencia.



Conciencia tranquila, iso si, pero tamén protexida co obxecto de impedir o contacto entre practica e teoría, o particular e o xeral, as intencións e as consecuencias. En definitiva, a mala fe do gremialista sopórtase na posibilidade de disociar o que din do que fan grazas a un discurso sobre si mesmos, cíclico e pechado en si mesmo. Por exemplo cando se erixen en defensores dos servizos públicos. Estes son presentados como produto da boa vontade dos cá ofrecen e non pola presión dos cá precisan. Alguén pode pensar que é defendible a existencia dun servizo público pola simple esixencia dos que viven del? Dos seus empregados?



Se a sanidade existe como tal servizo público é grazas ás conquistas sociais do movemento obreiro. E a mellora, universalidade e calidade dos servizos públicos son produto dos avances sociais e dunha correlación de forzas menos desfavorable para a clase traballadora. Alí onde o poder dos traballadores se reduce, os servizos públicos desmantélanse. Se por un momento se percibise socialmente que se está a manter un servizo por presión exclusiva dos seus asalariados, o poder estaría lexitimado a eliminalo de golpe. Ou non lembramos o que pasou este verán co sindicato de controladores aéreos e como se quixo aproveitar o conflito laboral para privatizar un servizo que desde o punto de vista da seguridade parece impensable que poida caer en mans de empresas particulares competindo por abaratar custes.

No ensino, na sanidade e en todos os sectores da administración proliferan este tipo de organizacións que nalgúns casos proveñen directamente dos sindicatos gremiais do réxime anterior, que os promovía e auspiciaba, e outros botan a súa cana a pescar nos caladoiros da esquerda, e dáse o curioso caso que algúns pican. 



Certo que algún dos sindicatos de clase axudan no confusionismo (a río revolto, ganancia de pescadores) e a miúdo provocan o cabreo nos traballadores/as. O obxectivo dos sindicatos corporativos é administrar ese cabreo para que non conduza a nada construtivo: isto é, cambiar o sindicato, cambiar de sindicato ou mesmo crear un novo. Non é estraño escoitar das súas bocas discursos antisindicais, moi semellantes aos da patronal (os liberados, a financiación dos sindicatos, os "cursiños", a "burocracia" sindical, as cúpulas...) a súa non é unha crítica documentada e dirixida a corrixir erros ou deficiencias dos sindicatos senón só a súa destrución, a desmotivación, desmobilización e deserción da afiliación, e súa substitución por fórmulas "profesionais" como as súas que son presentadas na medida en que perseguen a disolución das estruturas dos traballadores/as. O caso é que o poder ten un enorme interese en fragmentar a clase obreira, en dividir aos traballadores, e estas organizacións prestan un grande servizo a estes obxectivos. De aí que lle resulten tan atractivas aos de arriba e reciban tanto apoio mediático.

A eles, isto permítelles ir a favor da corrente mentres individualmente se senten rebeldes e críticos, en definitiva transgresores. Algúns preséntanse como innovadores fronte as fórmulas "tradicionais" de sindicalismo, cando eles retrotráense á idade media no seu modelo gremial. Chegan a pensar que os apoios que reciben da prensa é polo ben social que fan e non polo funcionais que son aos que mandan. Traballan como lacaios da patronal para restar forzas á clase obreira fan campañas solidarias cos "oprimidos" (mulleres, inmigrantes, etc...) do mundo para sentir que están a servir unha nobre causa. As veces esaxeran tanto a súa solidariedade "internacionalista" que resultan contraproducentes para o cambio social aquí, non só por poñer en evidencia a súa mala conciencia, senón, sobre todo, por xerar conformismo pola nosa situación fronte a tantas desgrazas que se dan no mundo: Ou é que diante da lapidación de mulleres, o burka, etc... un non sente a tentación de bendicir a nosa situación.

En definitiva, nunha sociedade tan complexa como a nosa os avances nas posicións da clase traballadora serán posibles en función de canta máis forzas demos aglutinado na súa defensa; e a loita pola transformación do mundo empeza pola unidade. En conclusión, adiante cos dereitos dos traballadores adiante coa CIG, UGT e CCOO…


Ningún comentario:

Publicar un comentario