luns, 11 de marzo de 2019

O deserto da televisión local: Unhas dez canles emite nas 57 frecuencias concedidas en Galiza



Ala por xullo do 2005 o derradeiro goberno de Manuel Fraga, en funcións, aprobou a concesión das dúas licenzas de televisión dixital terrestre (V Televisión e Popular TV) que xunto coa TVG completaban 
o ámbito autonómico. En 2006 o bipartito PSdeG-PSOE/BNG concedeu 46 licenzas de TDT local, completadas en 2014 con outras 20 quedando algunhas desertas. Logo de máis dunha ducia de anos poderíamos estar a falar do que podería ser e non foi un rico ecosistema mediatíceo en Galicia, tendo en conta ademais que as empresas beneficiadas polas concesións prometían nas súas ofertas un investimento total de 142 millóns de euros e a creación de 1.700 postos de traballo e un compromiso coa lingua e cultura galega. 

A realidade é moi distinta: unha das dúas canles autonómicas (Popular TV) pechou en 2013 e a outra (V Televisión) 
desenchufouna La Voz de Galicia logo de soterrar 15 millóns de euros dende 2010, 148 postos de traballo prevía no seu proxecto inicial, nos seu derradeiros anos contaba só con 20. Algo semellante sucede na televisión local. Se o PP fora moi criticado por concederlle á televisión da Conferencia Episcopal unha das dúas licenzas de emisión de ámbito autonómico, o reparto levado a cabo polo Executivo presidido por Emilio Pérez Touriño beneficiou especialmente ás empresas editoras de prensa impresa, o que nas cidades foi moi prexudicial para algunhas canles locais que levaban anos emitindo e con boa implantación (Televigo, Telecoruña, Código TV, Ferrol TV...).

A oferta privada limítase a Ferrol TV, 7 Canal Rias Baixas, TV27 Barbanza, Santiago TV, Tele20, Telemiño, Auria TV, Nós TV, Vía TV, Televigo (antes Localia) e Hermes Inter TV (Intereconomía)


Valdeorras conta con dúas concesións Telemiño (La Región), Vía TV (Sistemas de Televisión Gallega) e unha concesión quedou deserta, ningunha chegou a emitir en ningún momento. 

Faro de Vigo, La Capital ou La Opinión nunca chegaron a poñer en marcha as súas canles. Outras empresas, como Telelugo (El Progreso) pechou as emisións, outro medio, case que histórico, como Correo TV (El Correo Gallego) que tamén botou a chave. No caso de Localia, que chegou a contar con media ducia de canles en Galiza, a súa venda por parte de PRISA en 2009 levou ao peche de todas as concesións agás de Localia-Vigo (hoxe Televigo) ou Localia Auria TV, que manteñen a súas emisións pero cunha importante redución do cadro de persoal.

O resultado é que cidades como A Coruña ou Lugo non contan con ningunha canle propia, o mesmo que outras moitas comarcas. Noutros casos, a oferta limítase a unha reemisión de contidos de outras canles, con nulo contido local. Partindo dun total de 57 licenzas de emisión comarcal, a oferta privada limítase hoxe a Ferrol TV, Canal Rias Baixas, TV27 Barbanza, Santiago TV, Tele 20, Telemiño, Auria TV, Nós TV, Vía TV, Televigo e Hermes Inter TV.

Empresas incumpridoras

As empresas beneficiadas por aquel concurso prometeron un investimento de 42 millóns de euros e a creación de 1.500 postos de traballo, dúas previsións largamente incumpridas e xa non digamos a utilización do galego como idioma, case que todas agás Nós TV o fan ou facian de maneira testemuñal.

O Informe da Comunicación realizado polo Consello da Cultura Galega en 2010 recolle as promesas de investimento e emprego realizadas polas empresas beneficiadas pola concesión de licenzas de emisión de ámbito local e autonómico. Os 97 millóns de euros e 148 empregos prometidos por V Televisión e os 2,3 millóns e 40 postos de traballo de Popular TV sempre ficaron moi lonxe da realidade. Malia a todo, a Xunta segue negándose a rescatar as dúas licenzas que xa non emiten e xa por dúas veces (en 2014 e 2017) ampliou o prazo ás dúas concesionarias que seguen sen cumprir co establecido no concurso que gañaron en 2005.

Na TDT de ámbito local, os compromisos das empresas beneficiarias foron tamén amplamente incumpridos. Localia-Cadena Ser (9,8 millóns de euros e 420 empregos), Prensa Ibérica (8,5 millóns e 294 empregos), El Ideal Gallego (7,2 millóns e 312 empregos), El Correo Gallego (4,8 millóns e 217 empregos) ou La Región (3 millóns e 116 empregos) hoxe non emiten ou teñen unha dimensión moi pequena.

Nós TV, unha televisión para o corazón de Galicia

Dende Outubro 2013 unha tele diferente esta na TDT a canle Nós TV (en HD), unha cadea local, "pero con vocación autonómica", con sede en Lalín, que centra a súa actividade nas comarcas do Deza, Tabeirós, Melide e Arzúa. Emite en galego toda a súa produción propia, realizada por un equipo moi novo, e centra os seus obxectivos na participación cidadá, no contido social e veciñal e na proximidade. Nós TV naceu co obxectivo de contarlles aos cidadáns "o que pasa no seu territorio", algo que cada día esta a deixar máis de lado a propia TVG. Agora está aquí da man de R (canle 119)para toda Galiza xunto coas xa consolidadas Telemiño e Televigo.

Nós TV esta a formar parte no futuro dun proxecto galego integrado por unha suma de canles locais. O lalinense Isidro Barco, impulsor no seu momento de Canal Deza e Dez Tv, está detrás deste novo proxecto televisivo, que botou a andar con programas informativos, e contidos do día a día, programas de debate sobre a actualidade local, provincial, de Galiza e inclusive estatais no que parece compoñen o máis grande equipo de Nós TV.

Queren ofrecer "as informacións que suceden na proximidade e que outras canles non difunden", e buscan tamén que a canle "teña un aire novo, actual, moderno, aire fresco". Un referente do que ten que ser unha televisión local, 
contidos variados froito de acordos con entidades, institucións e empresas como a Editorial Galaxia ou a Real Academia Galega e vinculados a plataformas como ‘Galeguizar Galicia’, ‘Galiza Ano Cero’ ou ‘Tingaralanga’. Música, documentais, cultura e do país. E cun espazo informativo diario de produción propia ‘Espazo Aberto’ e programas de opinión como ‘Rede Galega de Videoblogues’, as entrevistas de ‘A Cámara Branca’, os debates de ‘O debate con praza’ e os documentais de ‘Madia leva!’ son algúns dos contidos que podemos desfrutar en Nós Televisión. En cada delegación contan cun xornalista, que é á vez reporteiro e cámara, un equipo que leva "anos facendo un gran traballo para que Nós TV sexa xa referente". Novos xeitos de información e de compromiso co país e coa lingua na sociedade actual. Como espectadores podese enviar suxestións a través da páxina de Facebook da canle. Longa vida!

Ningún comentario:

Publicar un comentario