venres, 8 de marzo de 2019

A discriminación da muller na sanidade; máis da metade do persoal e só un 20% en cargos de responsabilidade

Protesta de persoal sanitario no Hospital de Vigo © SAGAP
David Lombao 
https://praza.gal/
Coa sanidade rebelada contra as políticas da Xunta e co rexeitamento masivo ao proxecto do Sergas para a Atención Primaria, os profesionais advirten tamén da discriminación que as mulleres sofren no sistema sanitario. A poucos días do 8-M, a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP) apoia a folga convocada para o vindeiro venres “pola estreita relación entre a saúde e xénero”. 
Así, a AGDSP lembra que, aínda que a esperanza de vida das mulleres é superior ás dos homes (83,4 anos fronte a 80,6), teñen unha peor saúde xa que só o 70% gozan de boa saúde fronte ao 78% dos homes, o que supón unha diferenza de oito puntos. 
Ademais, o colectivo en defensa da sanidade pública advirte de que as mulleres sofren “unha gran discriminación no tratamento de importantes enfermidades que son unha das principais causas de mortalidade”, como no caso do infarto de miocardio, e son tamén “vítimas do asañamento diagnóstico e terapéutico” en situacións como a menopausa ou o cancro xinecolóxico. 
“Existe unha gran desigualdade nos dereitos sexuais e reprodutivos, que implican a desde a desigualdade na contracepción ata perda de autonomía nos procesos da maternidade"
“Existe unha gran desigualdade nos dereitos sexuais e reprodutivos, que implican a desde a desigualdade na contracepción ata perda de autonomía nos procesos da maternidade, pasando por un trato necesariamente revisable da atención ao aborto”, explica a AGDSP, que recorda tamén que “non existe en Galicia un Programa de Saúde para a Muller con perspectiva de xénero que teña en conta as características especificas que afectan a súa saúde”. “Mesmo a Xunta de Feijóo paralizou o Plan de Saúde da Muller do goberno bipartito”, di o colectivo, que recolleu as cifras de diferentes estatísticas oficiais a nivel estatal publicadas en 2018 polo INE, a Organización Médica Colegial ou na Encuesta Nacional de Salud. 
A AGDSP achega varios datos que amosan como a discriminación ou a fenda salarial fanse tamén moi evidentes no ámbito sanitario. Segundo aclaran, as mulleres “corren coa maior parte da atención sanitaria nas familias”. Así, segundo as cifras, no 54,8% das consultas infantís a nai e a acompañante principal, fronte ao 28,8% dos pais.
Máis da metade do persoal médico, o 50,4%, son mulleres, pero só o 20% ocupa postos de responsabilidade na sanidade pública
Ademais, o 85% das coidadoras das persoas con discapacidade son mulleres o que, segundo a asociación, “condena milleiros de mulleres galegas a sacrificar boa parte do seu tempo e a renunciar a unha vida activa para atender aos seus familiares, sen soldo nin dereito ás prestacións da Seguridade Social”.
Pero esta “enorme discriminación” é, tamén, “profesional” nos servizos de saúde públicos e privados. Máis da metade do persoal médico, o 50,4%, son mulleres, pero só o 20% ocupa postos de responsabilidade na sanidade pública, unha cifra aínda menor na privada (10%). Ademais, tan só 5 dos 52 colexios médicos do Estado están presididos por mulleres, unha situación semellante á das sociedades científicas, con 41 das 173 lideradas por unha muller. 
Ademais, e “aínda que o 84,3% das prazas da enfermaría están ocupadas por mulleres, o Consello Nacional da Enfermaría esta presidido por un home”. A AGDSP advirte tamén de que tan só o 7% das cátedras de medicina as ocupan mulleres, ao igual que o 16% das prazas do profesorado universitario titular. As diferenzas salariais, pola súa banda, alcanzan o 27% e o 63,3 % do paro medico abrangue as mulleres.
“A muller sofre unha importante discriminación na área da saúde que debe ser corrixida urxentemente mediante a mobilización social”, explica a AGDSP, que chama a cidadanía e profesionais de saúde a “apoiar os paros e manifestacións convocadas o día 8 de marzo en toda Galicia”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario