David Reinero
http://praza.gal/
Resultado da votación da reforma sanitaria, aprobada en solitario polo PP
Cunha protesta ás portas do Parlamento de Galicia e coa tribuna de invitados chea de alcaldes das vilas que forman parte das áreas sanitarias que desaparecerán coa nova norma, o PP aprobou este martes en solitario a contestada reforma da Lei de Saúde de Galicia de 2008. A eses rexedores, entre os que había tamén algún do PP, apelou o portavoz popular, Aurelio Núñez Centeno, ao poñelos como exemplo de autoridades que toman decisións positivas “aínda que non sempre sexan entendidas pola cidadanía”. Así foi como presentou o popular a reforma sanitaria agora aprobada, para a que pediu “tempo” para que sexa valorada.
A oposición critica o debilitamento da sanidade pública en beneficio da privada nunha sesión que se desenvolveu con protestas ás portas do Parlamento de Galicia, ao que asistiron alcaldes das vilas máis afectadas
Fronte á crítica fundamental de que a reforma suprime as áreas sanitarias da Mariña, Monforte, O Salnés e O Barco, os populares argumentaron que os hospitais desas comarcas están a ser ampliados. Porén, fronte ás infraestruturas materiais, os tres grupos da oposición coincidiron en enumerar as numerosas eivas que presenta a atención sanitaria nesas zonas e a sobrecarga de traballo que teñen os profesionais. Nesa liña, a oposición presentou a protesta social como exemplo do desexo da cidadanía de contar con máis sanidade pública fronte á intención do Goberno galego de facilitar a progresiva privatización de servizos.
A reforma da lei de saúde, como lembrou o deputado do PSdeG Julio Torrado, foi impulsada pola Xunta “sen ser anunciada nin no programa electoral do PP nin do discurso de investidura do presidente”, tras ser sometida a exposición pública “en agosto”, cando “ata a consellería estaba de vacacións”, para ser aprobado o seu proxecto polo Goberno galego “na ponte de decembro”. Uns tempos que o socialista vinculou coa “renuncia” da Xunta “a explicar a súa proposta”. “Vostedes defenden esta lei por algo que non queren contar”, dixo, para engadir que “vostedes están en contra da sanidade pública porque dá igualdade de oportunidades”. Fronte a esa postura, e ante o intento dos populares de presentar a protesta social como manipulada ou baseada en premisas falsas, o socialista asegurou que “a cidadanía non se manifesta porque lle paguen bocadillos, maniféstase porque sinte o sistema sanitario como propio”.
Similar crítica de debilitamento da sanidade pública como “elemento igualador” foi lanzada pola deputada de En Marea Eva Solla, para quen “o exceso de carga de traballo é unha humillación para os profesionais sanitarios”. Solla puxo o foco en que a reforma sanitaria facilitará o beneficio privado das investigacións que se realicen na sanidade pública e preguntouse que pasará coas enfermidades que non teñen rendibilidade económica. Sobre a protesta social, Solla salientou que a visión da democracia que ten o PP é “votar cada catro anos e submisión absoluta ás súas imposicións, non se pode protestar, non se poden defender os dereitos”. “Vostedes dinlles que non protesten e que están manipulados”, dixo.
Aurelio Núñez (PP), Eva Solla (En Marea), Julio Torrado (PSdeG) e Montse Prado (BNG)
Ao debate e votación non asistiu o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo
Pola súa banda, a deputada do BNG Montse Pradocriticou o rexeitamento dos populares a incorporar a maioría das propostas formuladas pola oposición, algo que considerou “digno da mellor das ditaduras”. Prado salientou a falta de especialistas nos hospitais máis pequenos e criticou que “o único que fixeron estas áreas é perder servizos e saben que é o que lles agarda”.
A reforma foi finalmente aprobada cos votos favorables do PP e o voto en contra dos tres grupos da oposición. Ao debate e votación non asistiu o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que á mesma hora asitía en Arzúa á colocación da primeira pedra dun novo treito da Autovía Santiago-Lugo.
Desactivar os subtítulos
Protesta no exterior do Parlamento contra a reforma da Lei de Saúde
Ningún comentario:
Publicar un comentario