mércores, 9 de xaneiro de 2013

O novo mundo: evanxelicemos funcionarios a canonazos

JORGE SUÁREZ

Explicábame un amigo o significado do termo decotar. Un, que é urbanita de nacemento, descoñecíao. Dicíame que e unha palabra que se usa cando se podan completamente as árbores, e teñen que retoñar todo de novo. Quizá sexa a definición perfecta para o que somos a día de hoxe os empregados públicos. Non somos nin parecidos ao que eramos antes. Pode que iso explique o desconcerto e a parálise de moitos de nós. Como boxeadores noqueados, a piques de caer á lona, cambaleámonos no ring sen saber de onde veñen os golpes, cegados polo suor e o sangue, incapaces de escoitar ao noso adestrador ou os berros do público, e non vemos máis que borróns luminosos en forma de adiantos da paga extra.


Non somos nin parecidos ao que eramos antes. Pode que iso explique o desconcerto e a parálise de moitos de nós. Como boxeadores noqueados, a piques de caer á lona, cambaleámonos no ring sen saber de onde veñen os golpes

Sensación parecida deberon ter os indios americanos, cando desembarcaban as goletas españolas e respondían ás bolas de canón con frechas febles. Saqueados, violadas as súas mulleres e obrigados a renegar das súas crenzas, baixo ameaza de tortura ou morte, abdicaban á fe católica e pregábanse ante o crucifixo redentor. Co neoliberalismo, esa violencia física e atroz, múdase en violencia financeira, vémonos estrangulados polas hipotecas, a ansiedade de chegar a fin de mes, a constante suba dos prezos correlativa coa diminución dos nosos ingresos. Os mass media ameazan coa hecatombe total se non nos pregamos ao crucifixo neocon, non hai outro remedio, vivistes por enriba das vosas posibilidades, ou isto ou o despedimento de moitos de vós, etc.


Co neoliberalismo, esa violencia física e atroz, múdase en violencia financeira, vémonos estrangulados polas hipotecas, a ansiedade de chegar a fin de mes, a constante suba dos prezos correlativa coa diminución dos nosos ingresos

Algúns aínda cremos na rebelión cívica, loitamos contra a resignación e tratamos de adaptarnos ao novo mundo cunha resistencia constante, non estamos dispostos a acomodarnos ao novoestablishment imposto sen contar con nós, a que se inxecten cantidades inxentes de diñeiro público nos mesmos bancos que participan das organizacións empresariais que piden máis axustes na función pública. Certo é que as nosas armas son como as febles frechas dos indíxenas americanos, tan só contamos coa nosa voz e as rúas, pero non queremos ser a vergoña das xeracións vindeiras, non estamos dispostos a que o futuro nos tache de ser a xeración atenazada polo medo.


A gran maioría dos empregados públicos pasamos a nosa vida laboral vendo conquistas sociais e económicas, case sempre insuficientes, pero, dende a transición, paso a paso, íanse gañando pequenas batallas

A gran maioría dos empregados públicos pasamos a nosa vida laboral vendo conquistas sociais e económicas, case sempre insuficientes, pero, dende a transición, paso a paso, íanse gañando pequenas batallas que facían as nosas condicións laborais non todo o dignas que deberían ser, pero si tiñamos unha sensación de vitorias conseguidas en forma de aumento de días, melloras en control da saúde laboral, prestacións das mutualidades, melloras económicas nos complementos, nas pagas extras, mellor distribución do traballo, horario digno, etc.

Agora todo iso non existe, non hai esperanza, derrota tras derrota imos cedendo posicións, retrocedemos décadas en apenas semanas, e non hai expectativas de cambio, nin tan sequera de ser oídos. Que e o neoliberalismo? Precisamente iso, a derrota da clase traballadora, a depreciación dos soldos para incrementar o beneficio das grandes empresas e os bancos, que mestúranse e confúndense co poder político, retroaliméntanse o un ao outro, fagocitan ao Estado, deixándoo nun exoesqueleto sen competencias para gasto social, todo envolto en papel de celofán a través dos medios de comunicación, cunha simbiose de única vía posible e política do medo á desintegración do estado.

Estas ameazas mediáticas calan fondo nos funcionarios, así se viu na folga xeral do 14-N, onde por vergoñento que pareza, máis traballadores do sector privado, cun presente e futuro incertos, secundaron a folga que empregados públicos, cunha suposta fixeza no posto da que aqueles carecen.



O 14-N, por vergoñento que pareza, máis traballadores do sector privado, cun presente e futuro incertos, secundaron a folga

Neste novo mundo cómpre espertar, por orgullo e dignidade, en volver á vista atrás, nada menos que a finais do século XVIII, cando xa a Constitución francesa inspirada por Robespierre de 1793 falaba do dereito á asistencia social aos máis necesitados, á educación gratuíta e ao traballo. Hai que parar a senda do cangrexo, a senda que nos leva ao feudalismo, ao absolutismo e á evanxelización da sociedade na doutrina neoliberal a golpe de canón.

Ningún comentario:

Publicar un comentario