domingo, 30 de setembro de 2018

Portugal pedirá ao Goberno de Sánchez a saída ferroviaria sur de Vigo para conectar co Porto e Lisboa

A vicepresidenta e o secretario xeral do Eixo Atlántico co ministro portugués do Planeamento e das Infraestruturas  @planeamento_pt

David Reinero 
http://praza.gal/

A saída sur ferroviaria de Vigo, que poría fin á situación da cidade nun fondo de saco e que evitaría rodeos por Redondela aos trens que circulan cara ao sur (Portugal, pero tamén Ourense e a Meseta pola liña convencional da beira do Miño), é unha actuación planificada hai dúas décadas pero que sucesivos gobernos foron adiando con todo tipo de argumentos. O último, ofrecido polo anterior Goberno central do PP, condicionaba o proxecto a que Portugal amosase interese por el. Este luns, segundo vén de comunicar o Eixo Atlántico de cidades de Galicia e o Norte de Portugal, o ministro de Infraestruturas luso, Pedro Marques, comprometeuse ante a asociación municipal a “falar co ministro español” sobre a cuestión.
Pedro Marques comprométese co Eixo Atlántico de cidades de Galicia e o Norte de Portugal a “falar co ministro español”
Nos últimos meses o Eixo Atlántico de cidades vén realizando unha intensa campaña de sensibilización das diversas administracións sobre as potencialidades que tería esa saída sur, que cuantifica en algo máis de 400 millóns de euros. Unha actuación que permitiría que os trens puidesen circular de xeito directo entre A Coruña e Lisboa ao pasar sucesivamente por todas as cidades intermedias e acumular así potenciais pasaxeiros. Ese novo trazado tamén facilitaría que o tren deixase de pasar polo centro do Porriño, onde hai dous anos un accidente provocou a morte de catro persoas.
Nos últimos anos a crise económica e a decisión de priorizar as obras xa en marcha da conexión coa Meseta e o remate do resto do Eixo Atlántico entre A Coruña e Vigo foi deixando aparcado ese extremo meridional desa última liña que na súa orixe foi pensada como Ferrol-Tui. Pero a medida que se foron rematando esas actuacións o Ministerio de Fomento foi quedando sen eses argumentos e pasou a escusarse en que Portugal decidira cancelar a súa parte do proxecto, a construción dunha nova vía de alta velocidade entre Porto e a fronteira do Miño. Porén, as obras xa en marcha do país veciño para mellorar as prestacións da liña convencional volveron poñer a pelota no tellado do Goberno español, que durante o último mandato do PP pediu que Portugal amosase de xeito expreso o seu interese pola conexión Porto-Vigo para retomar o proxecto da saída sur viguesa.
En febreiro o secretario de Estado portugués xa manifestara o seu apoio á saída sur de Vigo nunha carta, e agora é o ministro quen o comunica directamente ao Eixo Atlántico
En febreiro, a través dunha carta remitida ao Eixo Atlántico, o secretario de Estado portugués xa manifestara “o seu apoio à realização da Ligação Vigo-Porto via nova entrada a sul da Galiza, para potenciar a ligação à Corunha”. Este luns o interese, segundo o Eixo Atlántico, foi expresado directamente polo ministro luso, Pedro Marques, que recibiu en Lisboa á vicepresidenta da asociación de municipios e alcaldesa de Matosinhos, Luísa Salgueiro, e o secretario xeral da entidade, Xoán Vázquez Mao.
Interior da estación de tren de Vigo, na que as vías non teñen saída cara ao sur
Segundo informa o Eixo Atlántico, no encontro os representantes dos concellos galegos e do Norte de Portugal fixéronlle ver ao ministro cales son as súas prioridades en materia de infraestruturas. Durante o encontro “o Eixo Atlántico solicitou ao ministro que se interesara ante o Goberno español pola saída sur de Vigo xa que ese interese de Portugal é determinante para que Madrid retome esta actuación”. Segundo o Eixo, Marques “comprendeu perfectamente o interese da obra e os seus obxectivos e comprometeuse a falar co ministro español”.
O Eixo Atlántico tamén insistiu na importancia que para a eurorrexión terían actuacións a debate en Portugal como a conexión da liña Vigo-Porto tanto co aeroporto Sá Carneiro desa última cidade como con Braga
No encontro o Eixo Atlántico tamén insistiu na importancia que para a eurorrexión terían actuacións a debate en Portugal como a conexión da liña Vigo-Porto tanto co aeroporto Sá Carneiro desa última cidade como con Braga, cidade que ao igual que Vigo tamén é fondo de saco ferroviario. Agora, o Eixo Atlántico está pendente de concretar un encontro co novo ministro español de Fomento, o socialista José Luis Ábalos, para trasladarlle o interese portugués pola saída sur de Vigo e coñecer de primeira man a visión do novo Goberno central sobre ese proxecto.

Ningún comentario:

Publicar un comentario