Marcos Pérez Pena
praza.gal
A situación límite que atravesa Grecia e o conxunto da UE, trala ruptura das negociacións entre a troika e o Goberno de Atenas, chegará ao Parlamento galego. Alternativa Galega de Esquerda presentará unha proposición non de lei sobre políticas macroeconómicas na Eurozona que toma como base a Modesta proposición para resolver a crise da Eurozona realizada polos economistas Yanis Varoufakis, James K. Galbraith e Stuart Holland. A proposición foi presentada este luns en rolda de prensa por Xosé Manuel Beiras, que lle reclamou á Xunta "solidariedade" co pobo grego e unha aposta dende Galicia "por políticas económicas anticíclicas" para "aliviar" as "consecuencias do neoliberalismo”.
Beiras reclamoulle á Xunta "solidariedade" co pobo grego e unha aposta dende Galicia "por políticas económicas anticíclicas" para "aliviar" as "consecuencias do neoliberalismo”
A Modesta proposición analiza as orixes e os efectos da crise que afecta aos países da periferia europea afondando en catro ámbitos: "o bancario, a débeda pública, a falta de investimentos e a crise social", todos eles "aplicábeis á realidade de Galiza", sinalou Beiras. “Entre o caso grego e o caso español existen evidentemente grandes semellanzas” -engadiu- “e se a Xunta nin sequera está disposta a adoptar algunhas destas modestas medidas amosará que, definitivamente, está ao servizo de delincuentes, de desalmados, dunha metamorfose do nazismo á que lle dá igual o que lles pase aos cidadáns”. "O extremismo está do lado dos poderes europeos, non do lado do Goberno grego", concluíu, continuando a argumentación iniciada o sábado por Varoufakis, que destacou que resultaba "irónico" que a proposta de "consultar" unha decisión coa cidadanía fose cualificada de "extremista"
Beiras conclúe que estamos ante “o momento histórico máis crucial de Europa nos últimos 50 anos”
O portavoz de AGE salientou que "o extremismo e o radicalismo" están nas posicións mantidas polos poderes europeos e o sistema, "non no lado do Goberno grego". Beiras denuncia que a UE "non quere escoitar propostas racionais, razoábeis e humanitarias”, como as que propón Atenas, “porque non queren que sexa un exemplo para Italia e, despois, para o Reino de España. Menos aínda na actual conxuntura política”. Para o líder de AGE, a troika pensou que “podía tratar a Tsipras como a Papandreu, pero toparon coa convocatoria do referendo”. Beiras conclúe que estamos ante “o momento histórico máis crucial de Europa nos últimos 50 anos”.
Vence salientou na súa conta de twitter que "o veto da Troika ao referendum grego demostra que as finanzas e a UE esganan a soberanía e a democracia"
Tamén dende o BNG se demanda solidariedade con Grecia e se critica a actitude mantida pola troika e os poderes comunitarios. O portavoz nacional Xavier Vence salientou na súa conta de twitter que "o veto da Troika ao referendum grego demostra que as finanzas e a UE esganan a soberanía e a democracia" e engadiu que "no fondo, non é só que a débeda grega sexa insostíbel/impagábel, o que é insostíbel é o capitalismo rentista que se bombea con máis débeda e papel".
6 días para o referendo
Jean-Claude Juncker pediu este luns publicamente que os gregos e gregas voten si: "Un non querería dicir, independentemente da pregunta, que Grecia di no a Europa"
Dentro de seis días a cidadanía grega pronunciarase sobre a oferta realizada pola troika ao Goberno de Atenas para desbloquear o rescate. O Executivo de Tsipras deixou clara a súa aposta por rexeitar a proposta, que o primeiro ministro cualificou de "chantaxe" e "inaceptable". Fronte a el sitúanse a maior parte dos partidos da oposición (encabezados por Nova Democracia, Pasok e To Potami), e tamén a propia Comisión Europea, cuxo presidente, Jean-Claude Juncker, pediu este luns publicamente que os gregos e gregas voten si: "A mensaxe dun non será desastroso para os acontecementos posteriores. Un non querería dicir, independentemente da pregunta, que Grecia di no a Europa", salientou. Tamén se manifestaron a prol do non a meirande parte dos dirixentes dos gobernos europeos. Pola contra, Podemos manifestou o seu apoio a Syriza e á convocatoria do referendo por "dar a palabra á cidadanía" ante a "chantaxe dos acreedores".
Polo momento, as dúas primeiras sondaxes publicadas preguntando sobre a intención de voto no referendo grego do vindeiro domingo ofrecen unha vitoria do si á oferta do FMI: 47,2% fronte a 33% (Kapa Research) e 57% fronte a 29% (ALCO). Este luns pola noite Tsipras dirixirase á cidadanía grega a través da televisión.
Krugman: "O ultimátum foi, en realidade, unha manobra para reemprazar o goberno grego. E aínda que no che guste Syriza, algo así debería preocupar a calquera que crea nos ideais europeos"
O Nóbel de Economía Paul Krugman publicou un artigo no New York Times no que sinala que el votaría non no referendo: "Eu votaría non, por dous motivos. O primeiro, por moito que a saída do euro nos asuste a todos —eu incluído—, a verdade é que a troika está esixindo que o réxime das políticas dos últimos cinco anos se manteña indefinidamente. Que esperanzas ofrece iso? (...) E o segundo é que as implicacións políticas dun voto a favor do si serían profundamente perturbadoras. Está claro que a troika fixo un Corleone á inversa: fixéronlle a Tsipras unha oferta que non pode aceptar, posiblemente á mantenta. Así, o ultimátum foi, en realidade, unha manobra para reemprazar o goberno grego. E aínda que no che guste Syriza, algo así debería preocupar a calquera que crea nos ideais europeos".
Stiglitz: "Os gregos poderían obter a opción de deseñar un futuro que, aínda que quizais non sexa tan próspero coma o pasado, é moito máis esperanzador que a inadmisible tortura actual. Eu sei o que votaría"
O tamén Premio Nóbel Joseph Stiglitz escribiu este luns que "é difícil aconsellar os gregos como votar. Ningunha das alternativas será doada e ambas as dúas implican grandes riscos. Un voto favorable significaría unha depresión practicamente sen fin. Pode que un país esgotado -un que vendeu todos os seus activos e no que a xente nova máis preparada emigrou- puidese finalmente ver a súa débeda perdoada; isto podería suceder na vindeira década ou na década seguinte. Pola contra, un voto negativo abriría cando menos a posibilidade de que Grecia, coa súa forte tradición democrática, puidese tomar o seu destino nas súas mans. Os gregos poderían obter a opción de deseñar un futuro que, aínda que quizais non sexa tan próspero coma o pasado, é moito máis esperanzador que a inadmisible tortura actual. Eu sei o que votaría".
Concentracións en Compostela e Lugo
Este xoves están convocadas concentracións en Compostela (praza do Toural, 20.30) e Lugo (ante a Subdelegación do Goberno, 19.30). O acto de Compostela, baixo o lema A Democracia non admite chantaxes: Tod@s con Grecia, chama a solidarizarse co pobo grego, que "está sendo vítima dun brutal ataque sen precedentes por parte das institucións anteriormente coñecidas coma a Troika". A convocatoria de Lugo, Pola dignidade do pobo grego, ten obxectivos semellantes, e está convocada por ACE, entre outras organizacións.
Ningún comentario:
Publicar un comentario