domingo, 31 de maio de 2015

Sanidade publica ou privatizacións: que beneficia máis á sociedade?

Pablo Vaamonde
http://praza.gal/

Hoxe case ninguén discute as excelencias do noso sistema sanitario, nin se cuestionan os seus bos resultados. Pero hai unha salmodia, repetida ata a extenuación polos defensores da privatización, que reclama “melloras e modernización” na xestión e flexibilización das organizacións sanitarias, para superar a suposta rixidez do sistema e aumentar a súa eficiencia. Nas últimas dúas décadas os centros de pensamento ultraliberal en sanidade (Idis, Bamberg, Sedisa, PwC) xeran argumentarios para reclamar a “reforma” do sistema como elemento necesario para garantir a súa sustentabilidade.
Pero, debaixo destes embustes, o lobo esconde os seus colmillos: o que en realidade buscan é o desprestixio e o desmantelamento dos centros públicos e da actual organización (eficaz, eficiente e de calidade aínda que teña zonas de sombra), para provocar unha situación de desorde e descontrol que permita xerar espazos de negocio ás empresas afíns a expensas dos orzamentos sanitarios (que representan o 40 por cento do diñeiro das CCAA).
Tal como recordamos no libro La salud como negocio pódense definir dúas posicións básicas en relación á política sanitaria e a xestión dos servizos sanitarios públicos: unha corrente progresista que entende a saúde como un dereito e a Sanidade pública como un dos alicerces esenciais do Estado de benestar, e un pensamento neoliberal que considera a sanidade como un negocio e defende que cada cal accederá aos servizos sanitarios que poida costear. Esta corrente sostense nun argumentario elemental baseado en varias falacias: a suposta insustentabilidade do actual sistema sanitario, a utilidade de separar o financiamento da prestación dos servizos, a necesidade de introducir medidas de copago no acceso aos servizos, e a afirmación (errónea) de que a xestión da sanidade privada é mellor e máis eficiente que a pública.
Pero a realidade é que en política se sostén aquilo que se quere sustentar, e a nosa sanidade está, realmente, subfinanciada. O goberno, no canto de intentar unha maior recadación -cunha fiscalidade progresiva, e perseguindo a fraude-, decide aplicar recortes severos que afectan ás capas máis débiles da poboación. As externalizacións e privatizacións realizadas polos gobernos autonómicos non melloran a calidade dos servizos pero si producen un encarecemento dos mesmos. O obxectivo final das empresas é repartir beneficios; para realizar a mesma actividade utilizan menos traballadores, con retribucións máis baixas e emprego máis precario. A calidade do servizo sempre se resente.
Os partidarios do copago defenden a súa aplicación en diversas áreas da actividade sanitaria pola súa capacidade recadatoria e por considerar que ten un efecto disuasorio, que podería reducir a utilización inadecuada dos servizos. A realidade demostra que non conseguen ningún destes obxectivos, e que só serven para castigar, aínda máis, as depauperadas economías familiares.
Finalmente debemos recordar que as experiencias privatizadoras realizadas (Reino Unido, Valencia, Madrid) demostran que non hai melloría na calidade da atención nin na xestión dos servizos. Ao contrario, as privatizacións supuxeron un enorme aumento do gasto sanitario que levou ás comunidades citadas á bancarrota. Hai numerosos estudos que reforzan a evidencia de que o afán de lucro en medicina entra en conflito coa calidade dos servizos sanitarios. A suposta eficiencia do sector privado baséase, segundo Vicenç Navarro, en medidas como o aforro en persoal -teñen menos persoal e con menor cualificación-, feito que claramente dana a calidade da atención médica.
Text-to-speech function is limited to 100 characters

Ningún comentario:

Publicar un comentario