David Lombao
http://praza.gal/
Sobre o mapa: O uso frecuente do galego só aumenta en oito concellos
O galego perde outra batalla. Durante anos, a mala evolución no uso, implantación e prestixio social da lingua galega era compensada, cando menos en parte, polo feito de que seguía a ser a lingua habitual da maioría da poboación do país, segundo diversos indicadores. Esta realidade comeza a mudar ou, cando menos, iso é o que revela o estudo máis recente ao respecto: os datos que emanan do censo de poboación e vivendas do INE e que o Instituto Galego de Estatística vén de debullar. O que o IGE amosa é que, no período comprendido entre 2001 e 2011, as persoas que din falar "sempre" galego caeron trece puntos e xa non son maioría.
Na anterior vaga deste estudo o 57% da poboación do país tiña o galego como lingua de uso cotián. Mentres, o 30% sinalaba que o empregaba "ás veces" e o 13%, nunca. Unha década despois os falantes habituais de galego pasan de achegarse ao 60% a non acadar nin o 45%. Concretamente, quen usan "sempre" o idioma propio de Galicia son o 44% do total, mentres que é falado "ás veces" polo 45% da poboación e "nunca", polo 11%.
A poboación que fala "sempre" galego descendeu 13 puntos en dez anos, pero a Xunta celebra o leve incremento de bilingüismo
Malia á contundencia destes datos dende a Xunta óptase polo optimismo e case pola celebración. A través dun comunicado a Consellería de Educación, da que depende a Secretaría Xeral de Política Lingüística, di "valorar positivamente a información" deste estudo, porque da "suma" de quen usa o galego "en exclusiva" e de "quen o usa ao carón do castelán" cabe concluír que "un 89,1% da poboación usa o galego en maior ou menor medida na súa vida diaria", o que "supón un incremento de dous puntos", xusto o que caeron as persoas que din non usar o galego "nunca". Para o Goberno cabe interpretar que "cada vez son máis numerosas as persoas que se expresan de xeito natural e espontáeno en calquera das dúas linguas, por considerarse con competencia para facelo".
Santiago, a cidade con maior presenza da lingua propia
Ademais da evolución xeral do uso do galego entre a poboación do país estes datos do IGE permiten tamén radiografar un dos ámbitos máis sensibles para o idioma, o das cidades, e mesmo rachar algúns tópicos ao respecto -e tamén confirmar outros-. Así, da enquisa tírase que Compostela é a urbe galega con maior peso da poboación que sempre fala galego, cun 44% do total. As seguintes son Ourense e Lugo, aínda que a máis de 10 puntos de distancia e aínda máis lonxe sitúase A Coruña, cun 16%, e Pontevedra e Vigo, ambas cun 15%.
Atendendo a estes resultados a cidade máis desgaleguizada en termos idiomáticos é Ferrol, non só por amosar a menor porcentaxe de falantes habituais de lingua galega, un 12% do total, senón tamén porque é o espazo urbano no que máis veciñanza di non falar "nunca" galego, un 23% que a sitúa moi por riba da media galega. Tamén están por riba desa media do 11% as cidades da Coruña, Vigo, Pontevedra e Lugo, mentres que quedan por baixo Ourense (11%) e Compostela (8%). Nas sete cidades o grupo de poboación máis numeroso é o que di falar galego "ás veces".
Como no relativo ao uso tamén neste punto o Goberno galego botao man do optimismo. Neste caso, o departamento de Jesús Vázquez destaca que "a pesar do incremento considerable da inmigración que se produciu entre os anos 2001 e 2011, con 77.410 persoas estranxeiras máis, a porcentaxe de poboación que declara saber falar o galego mantense practicamente nas mesmas porcentaxes neste período".
A evolución no uso do galego é dispar en función da zona do país que se tome como referencia. Así e todo, a desagregación municipal dos datos publicados polo IGE convida a situarse en posicións afastadas do optimismo que destila o comunicado oficial da Xunta. Non en van, só en 8 dos 315 concellos do país -314, se se ten en conta a fusión de Oza dos Ríos e Cesuras- aumentou o uso cotián do galego a respecto da anterior edición do estudo, elaborada en 2001.
Cerdido, Tordoia, Val do Dubra, Toques, Portomarín, San Xoán de Río, Sarreaus, e Ponte Caldelasson os únicos municipios nos que a evolución da porcentaxe de veciñanza que di falar galego "sempre" rexistra valores positivos. Na banda contraria están os concellos nos que o uso frecuente do galego se reduciu en maior porcentaxe; nalgúns casos, como Carballeda de Valdeorras, Toén ou Pereiro de Aguiar a redución supera o 30%
Evolución no uso do galego por concellos
CC BY-SA Carlos Neira
Os datos do INE debullados polo IGE amosan tamén as grandes diferenzas no uso do idioma entre as comarcas do rural e as contornas urbanas. Así, como viña acontecendo en anteriores edicións deste e doutros estudos, zonas do país como a Costa da Morte ou o interior de Lugo e Ourense seguen sendo as comarcas onde a lingua propia de Galicia ten máis vigor.
Atendendo ás cifras, a comarca galega con maior proporción de falantes de galego é a Terra de Soneira, na Costa da Morte, cun 90% da poboación que di expresarse "sempre" no idioma do país. En cifras semellantes está a comarca de Meira, na montaña luguesa, cun 87%, e tamén Os Ancares, cun 86%. O galego tamén é notablemente maioritario na Limia, en Viana, na Terra Chá ou Bergantiños, comarcas nas que o uso habitual do galego se mantén, malia ao mal resultado xeral, por riba do 80%.
Na banda contraria están non só as cidades e as súas contornas, senón tamén algunhas das vilas medias de Galicia e o seu ámbito de influencia. Así, por exemplo, na comarca de Valdeorras o uso frecuente do galego está xa no 44%, igual que no Baixo Miño ou no Salnés. No que atinxe ás cidades e as súas comarcas, o galego resiste mellor en Santiago, Ourense e Lugo e sae peor parado en Pontevedra, Vigo e, moi especialmente, en Ferrol e A Coruña.
Ningún comentario:
Publicar un comentario