Redacción
http://praza.gal/
AGE atopa vínculos galegos na denominada operación Púnicacontra a corrupción. Segundo o grupo parlamentario, a Xunta levou a cabo adxudicacións á trama corrupta de Francisco Granados, ex número dous de Esperanza Aguirre en Madrid. Así o asegura o deputado Antón Sánchez, que explica que o Sergas contratou en agosto de 2013 coa empresa Cofely España, "o corazón da rede de saqueo", por un importe de once millóns de euros.
O Sergas contratou en agosto de 2013 coa empresa Cofely, "corazón da rede de saqueo", por once millóns de euros, segundo denuncia AGE
"A corrupción, por máis que a propaganda de Núñez Feijóo afirme o contrario, é estrutural no Partido Popular", denuncia Alternativa, que asegura que "a última trama enquistada nas arterias desa organización", destapada o pasado luns con detencións masivas de altos cargos en Madrid, "tamén ten ramificacións en Galicia". Así, advirte de que a Xunta de Núñez Feijóo adxudicou "un importante contrato" á empresa "corazón da rede corrupta" cuxa cabeza visíbel era o ex número dous do PP madrileño -Francisco Granados-, Cofely España, SL.
Cofely foi a gañadora dun concurso ao que se presentaron outras dúas compañías
En concreto, e segundo explica o deputado de Alternativa Antón Sánchez, foron once millóns de euros consignados polo Sergas para “subministración enerxética prestacional e mantemento e conservación de edificios e instalacións de centros sanitarios, con inclusión de servizos de redacción de proxectos, dirección facultativa de obras e coordinación de seguridade e saúde (cofinanciado pola Unión Europea a través do programa operativo Feder Galicia 2007-2013)”. O Diario Oficial de Galicia do 3 de setembro de 2013 recolle a adxudicación tras un concurso ao que se tería presentado tres empresas. Unha delas, segundo AGE, foi excluída (Altair Ingeniería y Aplicaciones, SA). Das outras dúas, Cofely e Ferroser, gañou o concurso a primeira, cun total de 40,40 puntos fronte aos 27,51 de Ferroser.
“Unha vez máis, vemos como o Partido Popular de Galicia atópase mergullado no mesmo centro dunha trama corrupta”, afirma Sánchez, “igual que xa aconteceu coa Gürtel. E mentres, Feijóo mira para outro lado e non responde. Talvez porque sabe demasiado”, insiste o deputado, que asegura que AGE rexistrará iniciativas parlamentarias para solicitar ao PP que explique na Cámara "cales son exactamente os seus vínculos coa última, seguramente non a derradeira, trama de corrupción adherida e confundida co seu partido".
Tamén dende o BNG se olla cara a Feijóo para esixir "explicacións inmediatas" sobre este contrato. A xuízo do Bloque a "indignación social ante a podremia que parece instalada nas institucións gobernadas polo PP" fai necesario que o xefe do Executivo "explique, en sede parlamentaria" as súas relacións con Cofely España, toda vez que semella ser a "responsable da elaboración dos proxectos dunha ducia de centros de saúde, cuxa construción foi anunciada pola Xunta en 2012 pero que nos Orzamentos de 2015 carecen de consignación para a súa construción". "Os constantes escándalos de corrupción que apuntan directamente ao PP fan totalmente necesarias as explicacións do presidente", subliñan.
"Preocupación" polo hospital do Salnés e 15 centros de saúde
A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública asegura que Cofely é adxudicataria da ampliación do hospital do Salnés e da construción de 15 centros de saúde
Ademais, a a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP) amosou tamén a súa "preocupación" de que a trama investigada "se estendese a Galicia e afecte á concesión do financiamento e construción" de varios centros de saúde no país. Segundo o colectivo, Cofely é a adxudicataria da ampliación do hospital do Salnés e da construción de 15 centros de saúde en Galicia (A Capela, Ares, Arteixo, Cambre, Culleredo, Malpica, Santiago, Barbadás, Pontevedra, Ourense cidade, Gondomar, Marín, Nigrán, Oia e Tui)
Tal e como asegura a AGDSP, a Consellería de Sanidade tería confirmado que a construción destes centros de saúde e do Hospital do Salnés "contarán, teoricamente, cunha partida de 26 millóns de euros para o seu financiamento que con todo non figuran nos orzamentos autonómicos".
"As obras de ampliación do hospital do Salnés están en risco porque deben finalizarse en 2015 e dependen de fondos europeos"
Por iso, consideran que as obras de ampliación do Salnés "están en risco por esta circunstancia dado que deberán estar terminadas antes de que finalice 2015 para non perder os fondos europeos e advirte que o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional achega o 80% do investimento da obra, "mentres que á Xunta só corresponde o 20% restante, algo máis de 1,5 millóns".
A asociación cre "necesario e urxente" abrir unha investigación "que aclare publicamente a limpeza e corrección destas adxudicacións, dado que os contratos públicos non poden realizarse con empresas sometidas a procesos xudiciais" e reiteran a súa "alarma" ante os "riscos de recorrer á colaboración privada para financiar a construción e xestión dos centros sanitarios públicos polo incremento de custos, o sometemento dos centros públicos ao intereses privados e polos riscos de corrupción".
Ningún comentario:
Publicar un comentario