Martiño Noriega
A reforma electoral explicitada polo presidente Alberto Núñez Feijoo non deixa de ser o Cabalo de Troia dunha nova maneira de exercer a política neste país no que prima o todo vale para manterse no exercicio do poder. A medida anunciada, acubillando un recorte das liberdades democráticas na demagóxica xustificación do aforro económico, pretende perpetuar o goberno dos mandados dos mandados do PP en Galiza, diminuíndo os deputados de 75 a 61 e aumentando a sobrerrepresentación das provincias de Ourense e Lugo.
Para iso, Feijoo
imputa a redución de deputados á parte variable proporcional a poboación de
cada provincia, mantendo o número de deputados fixos por cada unha delas (10).
Cunha proxección sobre o censo do ano 2009, se esta proposta fose aprobada no Parlamento,
como é vontade do actual presidente, a Lugo corresponderíalle 26.626 electores
por cada un dos seus 13 escanos, a Ourense 29.622 por cada un dos seus 12
escanos, á Coruña 56.386 por cada un dos seus 19 escanos e a Pontevedra 51.405
por cada un dos seus 17 escanos ou, falando en prata para a xente, con
esta reforma o voto dun cidadán de Pontevedra ou Coruña valería a metade, en
termos de representación, ca o voto dun cidadán de Ourense ou Lugo.
Feijoo e o seu goberno
semellan entender e saber (como outros representantes públicos estilo Rosa
Díez) o que quere a xente do común
O presidente, en
troques de impulsar durante estes anos políticas activas para fixar poboación
ao territorio destas dúas provincias, compensa a súa incompetencia
multiplicando o valor dos votos dos galegos e galegas que viven nelas en
detrimento da cidadanía que habita as provincias atlánticas.
Os membros do
goberno galego e o propio presidente xustifican hipocritamente a medida no
aforro (equiparable a algunha das campañas de publicidade institucional
contratada nos derradeiros meses) e na vontade da cidadanía que, segundo eles,
reclama medidas de austeridade á clase política. Aquí o propio Feijoo e o seu
goberno semellan entender e saber (como outros representantes públicos estilo
Rosa Díez) o que quere a xente do común. Non teñen a mesma sensibilidade cando
aplican os recortes sociolaborais ou identitarios no noso ser colectivo. Non
teñen a mesma sensibilidade cando deciden que esta crise sistémica sexa pagada
por aqueles que non a provocaron. Nada din, tampouco, da falta de respecto que
supón dividir a vontade democrática dos cidadáns galegos en cidadáns de
primeira e cidadáns de segunda.
Quen perde con
esta medida? A xente deste país. Nada di Feijoo, cando fala de aforro, da
supresión dos privilexios dos cargos electos tras o abandono do cargo, da
necesidade de eliminar as deputacións, da importancia de regulamentar na administración
local, nacional e estatal as retribucións dos representantes dependendo da súa
responsabilidade na xestión, da prohibición para acumular cargos, da necesaria
limitación de mandatos nas responsabilidades institucionais. Nada di diso
porque iso non lle interesa. El xa sabe o que a xente quere.
A medida proposta non deixa
de ser un golpe de estado encuberto, aplaudido polos palmeiros no goberno
central
A medida proposta
non deixa de ser un golpe de estado encuberto, aplaudido polos palmeiros no goberno
central, porque alimenta a folla de ruta de aproveitar a crise económica para
reformular o modelo de estado e rematar coa pluralidade das nacións que desexan
decidir por elas mesmas. Neste camiño, cara o modelo de partido único , ao
presidente o único que lle interesa é perpetuarse no poder.
Máis aló da
viabilidade da medida, Feijoo gaña co debate aberto e perde a democracia. Fai
demagoxia aproveitando o desgaste diante da opinión pública dos representantes
nas institucións, tira outro misto máis diante dun mar de gasolina alentando a
crispación social, obriga ao resto de forzas políticas a entrar nun releo de
contramedidas de aforro para evitar o inevitable e desvía o foco da opinión
pública a outras cuestións distanciadas do bombardeo diario de recortes e
reformas que non descansan nin en agosto.
Esta medida
incide no aumento da sensación de orfandade dos galegos e galegas que xa teñen
decidido non optar co seu apoio por fórmulas políticas tradicionais. Ás
fórmulas emerxentes como “ANOVA” tócanos agora ser quen na sociedade de abrir
un proceso de debate que marque as lindes do que debe ser unha resposta de
moitos diante da agresión sistemática aos máis, a pesar de saber que xogamos en
campo embarrado.
Cómpre explorar no espazo
electoral a creación dunha fronte social nidia
Neste senso,
debemos entender que cómpre explorar no espazo electoral a creación dunha
fronte social nidia de esquerdas que convoque a todas as forzas do nacionalismo
e que non descarte a priori a partidos de ámbito estatal que acepten nos seus
principios o dereito de autodeterminación das nacións. Nese lugar de encontro
cun efecto multiplicador, pode haber unha resposta cidadá ás agresións
recibidas e a todos aqueles que alimentan coas súas decisións unha deriva
social cara o fascismo 2.0.
Ningún comentario:
Publicar un comentario