luns, 13 de xullo de 2015

Os médicos que non falaban galego

http://www.asmireunhanoites.com/

Cadriño de Luís Davila, máis coñecido como O Bichero.

É preciso saber galego para ser médica?

A resposta é simple, non. Para ser médica é preciso saber anatomíafisioloxíapatoloxíafarmacoloxía... mais non galego. Nincastelán. Nin inglés. Nin islandés. Nin inuktitut. Mais se cadra é que esa non é a pregunta adecuada, probemos con outra.

É preciso saber galego para exercer a medicina?

Neste caso, a resposta é... depende. Depende de onde queiras exercer a medicina. Se o teu obxectivo é ser traballar naIslandia, pois o galego non é preciso. Nin se queres traballar na Inglaterra Nin na Arxentina. Nin en Nunavut. Ímonos achegando, mais a pregunta aínda non é a adecuada.

É preciso saber galego para exercer a medicina en Galiza?

Aí lle demos! Esa é a pregunta. E a resposta é un rotundo si (vaia, a resposta sería é, que as preguntas en galego respóndense co verbo, mais entendedes o que quero dicir). Se un médico quere traballar na Galiza ten que saber galego. E castelán. Porque os doentes teñen o dereito de expresarse en galego (non o digo eu, dío o Estatuto de Autonomía no artigo 5), e se o médico non sabe galego veríanse privados dese dereito. Tan simple como iso.

Iso é que queres impor o galego aos médicos! O que importa é que sexa bo médico, non a lingua que fale!

Contra, saíronme respondóns os enunciados! Vamos ver, imaxinemos por un momento que iso é certo. Non importa a lingua, importa que sexa bo médico. Moi ben, trae a mellor médica de toda a Islandia e pona a traballar no Hospital Comarcal do Salnés.Como se comunicaría cos doentes? En islandés? En inglés? Por xestos? Como entendería as historias clínicas? Como falaría coas outras médicas? E cos enfermeiros?

Iso é demagoxia!

Ben, pode ser. Mais a verdade é que se non coñeces o idioma da túa contorna, dificilmente poderás adaptarte.

Pero xa aprenderá a lingua por necesidade! Non hai que impor!

Ai, que bonitas son as imposicións cando o favorecen a un, e que feas cando favorecen o resto. Pois verás, querido enunciado que escribo eu dándome réplicas a min mesmo, resulta que para exercer de médico no Reino de España si que é obrigatorio saber unha lingua: o castelán. Para presentarse á actual convocatoria do exame MIR, por exemplo, é preciso acreditar un nivel C1 ou C2 de castelán no caso de seres dun país non castelanfalante. Obrigatorio.

No entanto, en calquera oposición para o Sergas (por exemplo,esta oposición a médico de urxencias hospitalarias de 2013). Saber galego vale 5 puntos (sobre máis de 100), que che dan no caso de ter feito o bacharelato nun instituto galego, ter o título CELGA4 ou responder ben 10 preguntas tipo test. Se non sabes galego, non pasa nada.

Pero estamos en España, un médico español ten que poder traballar en calquera lugar de España. E segundo aConstitución Española todos os españois teñen o deber de coñecer o castelán, entón non hai problema.

Uau, quen hai un pouco renegaba da imposición agora recorre a ela para xustificarse. Se existe o deber de saber o castelán, mais só o dereito de usar o galego... cal é a lingua que se está a impor? E até que punto é lexítimo obrigar a unha persoa a non usar a súa lingua na súa terra? Vale máis a teima dun médico español en non aprender o galego que o dereito dunha persoa galega por usar o seu idioma?

Estás a buscar un conflito lingüístico onde non o hai, o que realmente temos é un bilingüísmo harmónico.

Bonita metáfora chamar bilingüísmo harmónico á diglosia, mais é como chamar convivencia harmoniosa ao acoso laboral. Vouche dar un par de exemplos persoais que me aconteceron nas prácticas de medicina, hai un par de anos.

No primeiro caso, foi no meu primeiro día de prácticas en certo servizo do Hospital Clínico de Compostela. Estaba a procurar o meu titor, do que só coñecía o nome, polo que entrei na sala de médicos e preguntei á primeira persoa que vin cunha bata branca "Desculpa, estou a buscar o doutor XXXXX", ao cal respondeu "In Spanish please". Quedei calado, sorprendido pola resposta, e o tipo da bata branca continuou a falar "Es que no hablo gallego". Botei en falta un perdoa ou un por favor, mais tanto ten, paseime ao castelán e continuei a falar con el. Curioso, pregunteille se é que estaba a facer unha rotación externa ou algo, mais non. Era un residente do hospital. De segundo ano. E en dous anos non se molestara nin en aguzar o ouvido para entender o galego.

O segundo pasoume cun médico que tiña a consulta empapelada con cartaces de Galicia Bilingüe. Nada máis escoitarme falar galego, sen eu mostrar ideoloxía ningunha, preguntou "Tú no serás de los CAFres, ni de Galicia Nova ni de esas porquerías, ¿no?". Bo comezo. Conversando con el, mostraba unha orgullosa ignorancia da lingua galega ("¿La gorsa? ¿Qué es la gorsa?" "A gorxa é a garganta" "Es que hay cosas del gallego que me cuesta entenderlas") e un desprezo absoluto por ela. O suposto bilingüísmo que promocionaba era na realidade un castelán para todos, galego para quen o queira. E o médico era oriúndo de Castela, estudara en Salamanca, mais levaba xa anos a exercer en Compostela.

E estes son só dous exemplos persoais dos que dou fé, que nin se achegan ás historias que teño ouvido por aí. Historias que serían denunciábeis, pero das que non vou falar por ser de terceiras persoas. E si, é de xustiza recoñecer que moitas profesionais, sobre todo nas xeracións máis novas, falan en galego cos doentes galegofalantes mesmo sendo elas castelanfalantes. Mesmo vin unha residente portuguesa que falaba con gheada aos velliños ingresados. Mais para garantir este segundo escenario de igualdade, onde calquera doente poida falar na súa lingua sen problemas, é preciso que as médicas saiban galego.

Ningún comentario:

Publicar un comentario