domingo, 12 de xullo de 2015

Os erros de Pablo Iglesias e as mareas

Antón Baamonde
http://praza.gal/

Vivimos tempos marcados pola aceleración dos ciclos. Hoxe a Monarquía vai caer, un ano despois parece que está en racha e deixa de concitar interese. En 2014 Podemos, despois de aparecer dende a nada nas eleccións europeas, remonta a límites estratosféricos, deixando coa boca aberta á lexión dos que contemplan a segmentación da opinión dende o prisma dos bloques graníticos. Zygmunt Bauman introduciu a metáfora do mundo líquido, pero a paisaxe mental de moita xente segue sendo decimonónica, e confía nas fronteiras ben trazadas. Pero pouco dura a alegría na casa do pobre, non tardou Ciudadanos en comparecer á palestra para acoutar o espazo de Podemos e gañar unha parte do da dereita. En definitiva, ninguén é capaz de predicir o que sucederá nas eleccións Xerais, porque todos sabemos que vivimos nunha era de grande volatilidade e porque sabemos que o cerebro colectivo carece de memoria a logo prazo, calidade que comparte cos réptiles. O mesmo indignado de hai dous anos pode hoxe cultivar un optimismo gobernamental e crer na recuperación.
Ninguén é capaz de predicir o que sucederá nas eleccións Xerais, porque todos sabemos que vivimos nunha era de grande volatilidade e porque sabemos que o cerebro colectivo carece de memoria a logo prazo
Así que é un bo tempo para a prudencia. Para a prudencia nas análises e para a prudencia nas propostas. A lectura do que pasa é hoxe máis complexa, porque á complicación natural da vida social, tan retorta por prexuízos e marcos interpretativos excesivamente ideolóxicos, engádeselle unha atmosfera emocional moi marcada pola crise. No mesmo momento en que o capital está gañando por goleada, algúns soñan coa toma do Pazo de Inverno. Hai inconsistencias que claman ao ceo. Pero segue sendo certo que a pauperización provoca corrementos no electorado de maior ou menor calado. Non fai falla máis que ler a evolución da casiña na que se auto coloca a xente  nas enquisas do CIS para certificalo.
É un bo tempo para a prudencia. Para a prudencia nas análises e para a prudencia nas propostas
Así que intentemos á lectura lacónica do que pasa, non confundindo os desexos coas realidades. O dato, friamente exposto, é que AGE consumou o seu ciclo. A súa historia podería ser outra, pero, finalmente, sucedeu a peor das posibilidades que estaban riba da mesa: a de converterse nunha Coalición Galega de esquerdas. O seu ascenso foi meteórico, a súa caída, en picado. ANOVA dividiuse moi cedo, e xamais foi quen de construír o seu propio horizonte. Non só Cerna: foron máis os satélites que foron expulsados da súa órbita por un motivo ou outro. As súas posibilidades electorais, non hai nin que dicilo estaban ligadas –e aínda é ese o caso- á presenza pleonástica de Beiras. EU estaba en alza no momento en que AGE colleitou o seu éxito, pero se hoxe houbera eleccións non se comería un rosco fronte a Podemos. ANOVA e EU adquiriron nova vida nas Mareas –foi unha sorte de transubstanciación- cando estaban a un paso da inanición. Pero necesitan para o futuro non caer nos mesmos fatais erros que marcaron estes anos: precisan ser máis abertos, inclusivos, dar máis espazo á polifonía e ao matiz. Se unha Marea Galega ha de prosperar teñen que saber interpelar á sociedade. A inclusión de CxG e de independentes con e sen bagaxe é unha necesidade da que deberían facer virtude.
Se unha Marea Galega ha de prosperar teñen que saber interpelar á sociedade
Sexa coma for, Podemos foi o dato que cambiou todo. Podemos cambiou a paisaxe política en torno. Todos entendemos que Podemos é expresión da España devaluada, encarnación da resistencia fronte  ás políticas da Troika. Algo así tiña que aparecer cando ves que todo ao teu redor de repente comeza a marchar polo rumbo do peor e xa non podes confiar nos partidos do réxime. Pero, con todo, hai que sacarse o sombreiro ante un grupo dirixente que soubo canalizar esa enerxía da protesta e que ergueu un partido, xa case clásico, en dous días. A condución científica dese movemento-Partido foi notablemente acertada. Equilibraron o desexo de participación dunha sociedade en precario cun control do aparato case absoluto para dotarse dun partido fiable, sen grandes disonancias. O momento entusiasta da emerxencia está intentando queimar etapas para institucionalizarse a marchas forzadas. Podemos cre que a historia lles chama e que a cita é o día das eleccións xerais. Esa contraposición entre momento emerxente e de paixón e a necesidade a longo prazo de atopar unha forma social normalizada encerra unha das claves do momento. Lean a Alberoni.
Podemos foi o dato que cambiou todo. Podemos cambiou a paisaxe política en torno. Todos entendemos que Podemos é expresión da España devaluada, encarnación da resistencia fronte  ás políticas da Troika
No entanto, parece que se lles está indo a man. A ocorrencia da lista prancha merece ser colocada entre as argucias máis sinuosas da Restauración. Nin o PP nin o PSOE se atreverían hoxe a tamaña manobra. Non é só que un elector de Barcelona poda eventualmente decidir o deputado de Soria con tal procedemento. É que ademais o método é ridiculamente funcionarial. Raia no ridículo que un elixido no posto setenta poda escoller a praza de deputado conforme á súa situación na lista. Tal proceder entra dentro dos disparates máis gordos que un servidor lembre. Polo demais está claro que a lista prancha está pensada para que a dirección controle ao detalle a elección dos candidatos.
Podemos cre que a historia lles chama e que a cita é o día das eleccións xerais. Esa contraposición entre momento emerxente e de paixón e a necesidade a longo prazo de atopar unha forma social normalizada encerra unha das claves do momento
O segundo erro de Podemos é pretender impor a súa marca velis nolis. Aló onde obtivo mellores resultados foi onde se presentaban listas de amplo espectro, e por certo que non co anagrama de Podemos. Non cabe dúbida que para soster esa posición eles estarán baseándose en estudos demoscópicos, nunha simulación dos resultados por provincias que ha de incluír a aquelas agrarias, do centro peninsular, nas que o mecanismo está pensado para promover aos partidos maioritarios e etcétera. Xa se sabe que a Lei está pensada para lograr maioría absoluta co 35% dos votos e o apoio da España central e conservadora. Pero prodigar declaracións humillando a IU –declaracións que fai o máximo dirixente, non un ideólogo lateral- resultan fóra de lugar. Tampouco a displicencia de quen pretende ser cabalo gañador. A modestia nunca está de máis.
A ocorrencia da lista prancha merece ser colocada entre as argucias máis sinuosas da Restauración. Nin o PP nin o PSOE se atreverían hoxe a tamaña manobra
Agora en Común tiña que nacer. Non sería natural que IU fose serena ao seu enterro, sen mover un dedo e que a arela da unidade para derrotar as políticas do PP non se fixese valer. Pero, ademais, que pasa con Compromis, que coa Chunta, que coa barroca polifonía catalá, que coas Mareas? E que con esa espontaneidade, esa liquidez das xentes ás que non agrada unha tan rápida solidificación de Podemos, repetindo políticas do Gran Capitán moi preto das que se lle ocorrerían a Felipe González na mesma situación?
Agora en Común tiña que nacer. Non sería natural que IU fose serena ao seu enterro, sen mover un dedo e que a arela da unidade para derrotar as políticas do PP non se fixese valer
Se ha de haber un asalto aos ceos, aínda aos ceos menores, inferiores, xa non ao sétimo ceo,  non sería desaconsellable repetir o esquema de Ahora Madrid, de Barcelona en Comú, das Mareas galegas. Podemos, que aínda está en fase de emerxencia, tería moito que gañar de novos aportes humanos. Un Partido pechado non ten, nestes momentos, charmePodemos corre o perigo de deixar de ser sexy, que se diría antes, ou de ser atractor, para usar a linguaxe tecnocrática en boga. Non hai nin que dicir que moito do éxito de aquelas opcións provén do perfil dos candidatos. A aura de autenticidade de Carmona ou Colau, as súas biografías, non son indiferentes. Atrévome a dicir, desafiando á mercadotecnia de Podemos, que un candidato ou candidata á Presidencia dese perfil tería máis posibilidades que o mesmo Pablo Iglesias. 
Podemos, que aínda está en fase de emerxencia, tería moito que gañar de novos aportes humanos. Un Partido pechado non ten, nestes momentos, charme
Non é razoable de ningún modo a esixencia da marca Podemos-outra cousa. Iso significa converter ás Mareas nun apéndice en un mero epifenómeno ou de ser a antesala da absorción, o que sería inimaxinable para boa parte da súa masa crítica. Podemos debería reconsiderar a súa posición. Que pasaría de haber unha competencia entre Podemos e as Mareas? Ninguén ten a bola nas súas mans para adiviñar o futuro. Pero os dous sairían prexudicados. Sería penoso. É natural que Pablo Iglesias queira construír un partido coherente. Pero estes non son os tempos. Aínda estamos na fase de emerxencia: non toca unha institucionalización prematura. Podemos terá o seu espazo, pero será malbaratado se se guía pola arrogancia e a ambición desmedida de poder. Hai procesos de recomposición política no Estado Español que necesitan de tempo e diplomacia, non de OPAS arrogantes.
É natural que Pablo Iglesias queira construír un partido coherente. Pero estes non son os tempos. Aínda estamos na fase de emerxencia: non toca unha institucionalización prematura
Tamén Galicia vai vivir un episodio de recomposición do nacionalismo. As vellas fórmulas están esgotadas. Os nacionalistas están airados e buscan o seu camiño. Aínda ignoran cal pode ser, en que ha de cristalizar. Eu non teño moitas dubidas acerca de que iso vai a suceder, dado que os síntomas se multiplican. Ese proceso necesita o seu tempo, o seu pouso, un novo horizonte e un novo discurso que sele unha reconciliación cunha sociedade da que se foron apartando. As Mareas son moitas cousas, pero, entre outras, expresan eses procesos de reconfiguración que poden ter éxito ou frustrarse. Encerran posibles conflitos no seu seo, derivada da súa pluralidade. Por outro lado, non cabe dúbida de que para os concellos de A Coruña, Santiago e Ferrol é vital proxectarse cara as xerais e cara as galegas para non ser asfixiados pola maquina de triturar.  
Toda esa complexidade necesita o seu tempo de maduración, e a mellor maneira de darllo é a través de candidaturas de amplo espectro. De Mareas. Xa sabemos que os de Podemos queren forzar a máquina, pero teño para min que de pasarse da raia, de aparecer coma listos de mais, van a ver frustradas as súas propias expectativas. Eu non penso que vaiamos a vivir un Proceso Constituínte pero si que creo que vivimos un tempo eixo entre dous períodos. E que a forma Partido non pode disociarse tan velozmente do movemento en marcha do que é expresión.

Ningún comentario:

Publicar un comentario