xoves, 11 de xuño de 2020

A xerente da área sanitaria de Santiago irrita o persoal dos hospitais ao ligar a expansión do coronavirus coas salas do café

Actividade nun centro sanitario galego durante a pandemia do coronavirus © Sergas / CHUO

https://praza.gal/

O Sergas volve indignar o persoal sanitario. Unhas declaracións da xerente da área de Santiago e Barbanza teñen desta vez a culpa. Nunha entrevista en La Voz de Galicia o pasado domingo, preguntada pola causa de tantos contaxios por coronavirus entre os traballadores da sanidade, Eloína Núñez asegura que "chegou un momento no que nas salas de café que hai nas plantas" a xerencia tivo que "retirar os sillóns onde sentaban os profesionais porque isto facía que estivesen xuntos máis sanitarios, o que daba lugar a favorecer o contaxio entre eles". 

Eloína Núñez, xerente da área sanitaria compostelá, asegura que houbo que quitar os sillóns das "salas de café" porque os profesionais sanitarios sentaban neles, "o que daba lugar a favorecer o contaxio"

Núñez asegura tamén que, "ao principio, os sanitarios que daban positivo non era polo traballo do hospital, senón" porque estiveran "nalgunha xornada, congreso ou reunión foron de Galicia". "Despois", continúa, "apareceron casos que se contaxiaran por un contacto". As reaccións foron numerosas: sindicatos e colectivos profesionais reclamaron xa a súa dimisión e que pida desculpas. Eloína Núñez, de momento, enviou un correo ao persoal da área compostelá intentando aclarar as súas palabras e gaband o labor dos profesionais. 


Eloína Núñez, xunto ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña CC-BY-SA Xunta

O colectivo Eventuais en Loita, que agrupa milleiros de enfermeiras do Sergas, denunciou que a xerente "culpase dos contaxios entre profesionais ás salas de café" dos hospitais e ironizou sobre a "cordura" de Eloína Núñez tras facer público un escrito do pasado 18 de marzo da xerencia da área sanitaria de Santiago, asinado por ela mesma, no que se desaconsellaba o uso xeral das máscaras de protección. 

Eventuais en Loita denuncia que a xerente "culpase dos contaxios ás salas de café" e non aludise "á falta de equipos de protección ou a ordes como asinada por ela que desaconsellaban o uso de máscaras"

"O coronavirus colleunos a todos co pé cambiado e fomos coñecendo máis cousas del co paso do tempo, por iso pode ser ata entendible esa directriz; o que non é de recibo e é de dubidosa moralidade é que a xerente aluda á sala de café como posible foco de contaxio e non aluda á falta de equipos de protección, á chegada de material defectuoso ou a ordes como as que ela mesma asinou", explican fontes do colectivo, que aclaran que o persoal sanitario xa hai moitos meses que optou por "non gozar deses descansos nesas salas ou tomar o café ao aire libre ou de forma individual". 

Nesa orde do 18 de marzo, a xerencia da área santiaguesa aclaraba que non era necesario "o uso xeral" de máscaras "agás naquelas situacións con pacientes con sospeita ou confirmación de Covid-19 ou patoloxía de tipo respiratorio". Ademais, advertía tamén de que "non se recomenda o uso de máscaras nos desprazamentos internos dos centros sanitarios" e que a protección respiratoria en xeral era recomendada "aos doentes que presenten clínica ou sintomatoloxía respiratoria de calquera natureza, de posible orixe infecciosa". 

As instrucións eran semellantes noutras áreas sanitarias, onde se limitaba o uso de máscaras á actividade asistencial que xa a requiría ou ao momento do contacto con pacientes con sintomatoloxía respiratoria e confirmados ou sospeitosos de coronavirus, tal e como confirman fontes de persoal do Sergas. "Todo mudou cando o Goberno central empezou a recomendar o seu uso, a finais do mes de marzo". 

Instrucións do Sergas en varias áreas sanitarias a mediados de marzo limitaban o uso recomendado de máscaras de protección ao contacto con pacientes covid ou sospeitosos de coronavirus

Estas instrucións de mediados dese mes --a da área sanitaria de Santiago está asinada o 18 de marzo-- coinciden case no tempo coas declaracións de Feijóo nas que culpaba o Goberno central de falta de equipos de protección e nas que indicaba "o abastecemento de material sanitario, EPIs, máscaras e ventiladores" como "a prioridade do país". Naquela altura, o número de traballadores sanitarios diagnosticados con coronavirus era de máis de 120 en Galicia. Hai un mes, a principios de maio, o propio presidente da Xunta ofrecía uns datos que confirmaban que máis da metade dos positivos activos pola covid en Galicia eran persoal de residencias e da sanidade. No conxunto do Estado, segundo o último balance do Goberno central, máis do 20% dos contaxiados corresponden con profesionais sanitarios, colectivo que acumula uns 52.000 infectados e máis de 60 falecidos pola doenza. 

Á vista destas cifras, a indignación entre o persoal aumenta. "O feito de sinalar o momento do café e de descanso como un foco principal de contaxio, como se fixo noutras comunidades autónomas, e non aludir ao risco lóxico no labor asistencial, á falta de material de protección ou ás eivas destes materiais non é lóxico", din desde Eventuais en Loita, que se pregunta se de verdade algún cargo do Sergas "cre que traballar pegados uns aos outros nos ordenadores e sen as máscaras non era máis perigoso". 

Circular da xerente da área sanitaria de Santiago-Barbanza, Eloína Núñez, datada no pasado 18 de marzo CC-BY-SA Praza Pública

Desde CCOO, a Federación de Sanidade esixiu xa unha "rectificación pública" a Eloína Núñez por unhas palabras "inaceptables", razón pola que lle pedirá á Consellaría de Sanidade a súa destitución á fronte da xerencia da área sanitaria santiaguesa. O sindicato lembra ao Sergas que, en moitos momentos da pandemia, "o 40 % dos contaxios corresponderon a persoal da sanidade". "Isto, ademais de desmentir as insinuacións de Núñez, amosa unha preocupante incapacidade para protexer a saúde dos seus traballadores e traballadoras, como establece a lei", explica. 

CCOO pide unha "rectificación pública" a Eloína Núñez por unhas palabras "inaceptables" e pide á Consellería a súa destitución

O sindicato recorda tamén á xerente "que o persoal tivo que traballar con escasos equipos de protección individual e que o Sergas chegou a indicarlles aos profesionais que gardasen nun sobre as máscaras faciais e as reutilizasen durante varias xornadas de traballo, por non falar das partidas de máscaras defectuosas que Administración repartiu e provocaron contaxios entre o persoal sanitario".

"É absolutamente inadmisible que o Sergas, no canto de felicitar o seu persoal polo labor realizado, só lles dirixa críticas", engade CCOO, que se une ás críticas do sindicato de enfermería Satse, que cualifica de "bochornosas e reprobables". 

Desde Satse lembran tamén que, en moitos casos, o persoal sanitario no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) "viuse obrigado a reutilizar os equipos de protección durante toda unha semana ante a excesiva racionalización que se fixo desde a xerencia". "Ese exceso de racionalizción que queren vender como un éxito de xestión agocha unha absoluta falta de respecto e empatía cos profesionais que deron todo e máis nesta crise", di o sindicato, que insiste na crítica expresada por Eventuais en Loita. 

O sindicato Satse cualifica de "bochornosas e reprobables" as declaracións da xerente: "Se tivese un pouco de dignidade, pediría desculpas de inmediato; do contrario, debería dimitir"

"Nos peores momentos, as enfermeiras tiveron que reutilizar os EPIs e tiveron que estar en contacto sen ningunha protección con pacientes positivos Covid-19 porque o protocolo non contemplaba tan sequera o uso de máscara", engade Satse, que enumera varias das eivas que, ao seu ver, se produciron en canto á seguridade do persoal nos momentos álxidos da pandemia. 

Así, a secretaria autonómica de Satse, Carmen García Rivas, considera as declaracións de Núñez como "bochornosas e reprobables", ademais de "demostrar falta de empatía e profesionalidade dos que só pensan na imaxe que queran dar de boa xestión de cara ás vindeiras eleccións". "A autocrítica non está nin se espera; se tivese un pouco de dignidade, pediría desculpas de inmediato; do contrario, debería dimitir", remata.

A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP), pola súa banda, manifestou o seu "máis profundo rexeitamento" polas declaracións de Núñez, de quen piden a súa "inmediata destitución" por "irresponsable".

Imaxe coa que o sindicato Satse denunciou a falta de equipos de protección no sistema sanitario galego © Satse-Galicia

A polémica foi tal que a propia Eloína Núñez enviou ao persoal da área sanitaria un correo electrónico, ao que tivo acceso Praza.gal, o pasado luns preto das 12 da noite. Nel di que evita "polemizar coas diversas interpretacións" da entrevista pero advirte de que "en todo momento" quixo "dar a coñecer o excelente traballo realizado" polos profesionais da sanidade compostelá e transmitirlles o seu "apoio"

Nun correo dirixido ao persoal da área compostelá, Núñez intenta aclarar as súas polémicas declaracións e gaba o "excelente traballo" dos profesionais sanitarios

Así, intenta aclarar as súas palabras e asegura que cando di que ao principio os contaxios foron importados referíase a que "non había transmisión comunitaria". Ademais, advirte de que mencionou diversas medidas estruturais e organizativas tomadas a cabo no Sergas "sempre de acordo cos criterios científicos de Medicina Preventiva e coas instrucións da Consellería e do Ministerio de Sanidade". En alusión á polémica das salas de café, aínda que non o cita, indica que o obxectivo de todas as medidas era o de "minimizar a transmisión do cornavirus" e tiñan que ver "co establecemento de circuítos específicos para os pacientes e medidas para as xuntanzas internas". 

"Reitero o agradecemento aos excelentes profesionais desta área sanitaria polo traballo e esforzo diario, e máis nesta época de pandemia", remata. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario