luns, 5 de novembro de 2018

Os fotógrafos de mortos en Galicia: arte, superstición e negocio

A fotografía mortuoria foi habitual nos séculos XIX e XX para certificar falecementos e por motivos sentimentais
Eduardo Rolland
https://www.gciencia.com/

Retrato dun bebé falecido realizado por Maximino Reboredo.
Retrato dun bebé falecido realizado por Maximino Reboredo.
Houbo un tempo no que, polas vilas e aldeas de Galicia, circulaban os ‘fotógrafos de mortos’, chamados para retratar aos defuntos no seu tránsito cara a outra vida. Houbo grandes mestres deste arte como Virxilio Viéitez (Forcarei), José Moreira (O Porriño), Ramón Caamaño(Muxía), Raniero Fernández (Vigo), Pedro Brey (A Estrada) o J. Pintos(Pontevedra). Todos eles eran en realidade fotógrafos convencionais, aquilo era un traballo, pero dedicaron parte das súas vidas a retratar a morte dos demais.
A fotografía de mortos pode parecer hoxe tétrica. Pero tiña unha función. A máis importante era certificar o pasamento dun familiar, algo fundamental para as herdanzas, especialmente cando membros da familia estaban na emigración. Porén había tamén motivos sentimentais, en especial nas fotos dos cativos mortos: “Era un xeito de que permanecesen na familia”, explica a historiadora Virgina de la Cruz, autora do libro “El retrato y la muerte”: “Se o defunto era un neno ou unha persoa nova, a razón de capturar a súa imaxe para a posteridade tiña máis que ver con obter un recordo da súa existencia. Por iso, estas imaxes teñen unha escenografía máis branca e dulcificada que a dos maiores. Nalgúns casos, mesmo, aparecen xunto ao bebé falecido os seus pais ou os seus irmáns, coma se tratásese dunha foto máis do álbum familiar”.
Retrato dun velatorio de J. Pintos.
Retrato dun velatorio de J. Pintos.
A doutora De la Cruz leu a súa tese na Universidade Complutense co título: “Retratos fotográficos post mortem en Galicia nos séculos XIX e XX“. E nela fai repaso dunha arte na que atopa trazos de antropoloxía: “En Galicia, crenzas, supersticións e costumes arredor da morte configuran un imaxinario colectivo do ‘Máis Aló‘ onde os defuntos adquiren un novo status social, manténdose partícipes en todo aquilo que incumbe á comunidade e á súa familia”.
Nos milleiros de fotografías analizados por De la Cruz, chaman a atención as primeiras etapas, no século XIX, cando os mortos semellaban estar moi vivos: “De feito, a mediados do século XIX, cando comeza a tradición da fotografía post mortem, é habitual disimular a morte cunha escenografía que lles fixese pasar por vivos: sentados xuntos a outros familiares mirando a cámara, como adormecidos nunha cadeira de brazos…”
Retrato de Virxilio Viéitez.
Retrato de Virxilio Viéitez.
Moitas destas fotos viaxaban en cartas cara a América, para comunicar a morte dun familiar. Pero, en opinión de Virginia de la Cruz, o principal motivo para facer estes retratos non era económico: “En primeiro lugar, era o culto á memoria e ao recordo, como no caso de nenos falecidos. Era unha maneira de que o defunto continuase formando parte do núcleo familiar de forma simbólica e quedase inmortalizado para sempre entre os seus seres queridos”.
Algúns fotógrafos retrataban ao morto na súa caixa. Tal era o caso de Maximino Reboredo (1876-1899). A escenografía incluía o cadáver vestido coas súas mellores galas e obxectos relixiosos,  como cirios nos seus candelabros, pequenas imaxes relixiosas e composicións florais que rodeaban ao defunto.
Co tempo, a fotografía mortuoria pasa a ser “un novo artefacto do propio rito funerario”, en palabras da doutora De la Cruz: “ese rito engloba toda unha serie de crenzas arredor do Máis Aló habitado polas ánimas en pena, que manteñen unha relación estreita cos vivos”.
Retrato de familia ante un falecido.
Retrato de familia ante un falecido.
E todos os fotógrafos seguen o canon estético que foi establecido no século XIX, introducindo algunhas características propias. “Ramón Caamaño introduce unha novidade ao retratar ao defunto só e cunha vista frontal, pero lixeiramente ladeada. O feito de que Virxilio Vieitezinclúa outras figuras na imaxe outórgalle un carácter de documento testemuñal das prácticas do rito funerario na Galicia dos anos sesenta”, repasa De la Cruz.
“Nestas imaxes, estes fotógrafos fan emanar a través do tema, pero tamén, a través da propia imaxe, unha atmosfera fría, unha rixidez penetrante, coma se a esencia do cadáver invadise a contorna”, conclúe a investigadora.
Hoxe, estes retratos de mortos semellan tétricos e turbadores. Pero houbo un tempo en que eran un paso máis no rito funerario. Un xeito de despedir a un familiar defunto pero que permanecese para sempre na compaña dos seus seres queridos.
Aquí podes ler a tese doutoral de Virginia De la Cruz

Ningún comentario:

Publicar un comentario