martes, 17 de xaneiro de 2017

O que non se conta de Castro Candaz, a fortaleza que resistiu os ataques de viquingos

Resultado de imaxes para Castro Candaz

XURXO SALGADO
http://historiadegalicia.gal/

Ducias de persoas aproveitaron a fin de semana para ver un dos sitios arqueolóxicos máis impresionantes do sur de Lugo e que só se pode ver en contadas ocasións, cando baixa o nivel do encoro de Belesar; castro Candaz. Pero poucos coñecen que esta fortaleza foi un símbolo do poder en Galicia e unha das poucas que conseguiu resistir o ataque das ordas viquingas durante semanas.
As imaxes aparecidas en varias televisións e xornais sobre este fermoso enclave fixeron que se convertera no destino preferido dos galegos. Pero moi poucos saben a historia que atesoura. Ata alí chegou xente procedente de Vigo, A Coruña ou Santiago e mesmo houbo quen fixo chamadas nas redes sociais para visitar conxuntamente esta fortaleza.
Os vellos muros dos bancais de Castro Candaz quedaron á vista hai xa semanas, pero ao baixar do 25% da súa capacidade quedou tamén accesible tamén o estreito paso que permite chegar andando até ese lugar. E é que este conxunto, un dos grandes símbolos do poder medieval de Galicia, está case todo o ano asolagado polas augas do encoro de Belesar. Só as épocas de seca, como a de agora, permiten ver este magnífico monumento.
Ten a súa entrada polo Poñente, único lugar libre que deixan as augas. Tras este lugar de acceso, atópanse tres mesetas cuxa disposición cumpría unha función a modo de defensa natural diante de posibles invasores. No resto dos puntos o castro, dada a súa forma cónica e por estar rodeado de auga, debeu de ser inexpugnable, feito que se reafirma cos restos de murallas aparecidos (unha delas posuía unha altura de 2,10 m . de alto). Estes restos nunca foron escavados.
Vista de Castro Candaz, parcialmente asolagado polas augas do encoiro de Belesar / twitter @KrisPereiras
A comezos de século conservábanse dúas paredes dun antigo castelo de época medieval, as cales formando un ángulo recto posuían un ancho de 1,88 m. e un longo de 5m. Deses restos pouco queda xa, entre o abandono e o seu asolagamento.
O pasado glorioso de Castro Candaz
Porque, lonxe desa visión romántica dun castro asolagado, o certo é que esta fortaleza ten un pasado glorioso, tanto, que podería ter marcado feitos destacables da historia de Galicia. Segundo o profesor e historiador Manuel Formoso Lamas, neste castelo foi residencia da familia fidalga dos Taboada, e antes dos Erice ou Eiriz, e moi antes do cónsul romano Lucio Cambero.
Este nobre romano foi nomeado capitán en Galicia en tempos dos Cónsules Lucio Licinio e Caio Casio. Nunha das súas obras, Paulo Osorio fai mención del e di que aínda que a súa residencia estaba sita en Lugo, achegábase temporalmente ata o Castelo do Castro Candaz.
Un dos seus descendentes, segundo a tradición, foi Lupo Cambero Candad, escudeiro do rei don Pelaio a quen prestou axuda na reconquista de Asturias, de parte de Galicia e da cidade de León.
Antiga vivenda, na unión entre os dous ríos, ao carón de Castro Candaz / sanchezdalamas.blogspot.com.es/
Resistencia ante os viquingos
Formoso Lamas recolle en “Apuntes para la Historia de Chantada” que Castro Candaz foi a única fortaleza que lle fixo fronte aos viquingos. Durante a primeira vaga de invasións arrasaron con Chantada. Os nobres da vila refuxiáronse en Castro Candaz, custodiado pola familia dos Erice onde recibiron a axuda das tropas do rei Ramiro I de Asturias.
O castro foi fortificado na Edade Media e desde el controlábase o paso polo Miño. A fortaleza foi destruída en gran parte durante a Gran guerra irmandiña. Pouco despois foi reconstruída pola familia dos Taboada. Tras unha lenta agonía, hoxe o conxunto é pasto de lendas.
Para chegar a esta paraxe pódese tomar a estrada N-540 (Ourense-Lugo) e tomar un desvío cara ao sur á altura do pobo de Paracostoira. O río e o castro están a algo menos de tres quilómetros.
Bibliografía:
Formoso Lamas, Manuel. “Apuntes para la Historia de Chantada”
Morales Romero, Eduardo. “Os viqungos en Galicia”, USC, 1997

Ningún comentario:

Publicar un comentario