mércores, 30 de novembro de 2016

Así se viviron as extraordinarias auroras boreais sobre Galicia

Entre a marabilla e o medo da poboación, Galicia adoita vivir unhas tres auroras polares por século

1408436945710

Eduardo Rolland
http://www.gciencia.com/

En 1850, os veciños de Vigo saíron alarmados á rúa, asustados por unhas arrepiantes luces no ceo. En 1938, os paisanos de Lalín correron refuxiarse a casa do astrónomo Ramón María Aller, menos atraídos pola súa condición de científico que pola de crego. Aquel resplandor nocturno semellaba obra do diaño. Uns e outros foron testemuñas dunha aurora boreal, un extraordinario fenómeno en Galicia, pero que se repetiu en contadas ocasións, dando lugar a anécdotas como estas.

Anotación da aurora polar na Coruña en 1957.


A aurora polar é un fenómeno en forma de brillo ou luminiscencia que se presenta no ceo nocturno, xeralmente en zonas polares, aínda que pode ser visible en latitudes máis baixas durante breves períodos e en circunstancias excepcionais. No hemisferio sur é coñecida como aurora austral, e no hemisferio norte como aurora boreal. Este nome provén de Aurora, a deusa romana do amencer, e da palabra grega Bóreas, que significa norte.

Todos temos visto espectaculares fotografías de auroras boreais tomadas en países como Islandia, Noruega ou Finlandia. Moitas veces, convértense na imaxe do día da NASA. Pero o raro é ver unha aurora polar nun lugar tan ao Sur como Galicia. Con todo, ás veces acontece e o fenómeno resulta asombroso.

Así sucedeu o 21 de xaneiro de 1957, cando científicos do Observatorio da Coruña anotaron o fenómeno: “Observouse un reflexo moi intenso avermellado con franxas verticais en dirección NNW sobre as 22.20 Z ata as 22.45 Z. Aurora polar”.

O Observatorio da Coruña anotou unha aurora polar no ceo en 1957

Outra data notable é 1938, en plena Guerra Civil. Na noite do 25 ao 26 de xaneiro daquel ano, unha aurora avermellada foi visible no ceo en toda a península Ibérica. As crónicas xornalísticas din que en Lalín, onde vivía o astrónomo Ramón María Aller, os veciños aterrorizados correron refuxiarse na súa casa.

A última aurora polar nestas latitudes data de 1989. Foi observable especialmente en Galicia, onde o espectáculo foi noticia nos xornais nos días sucesivos.

Desde entón, en máis dun cuarto de século, houbo alertas, pero ningunha confirmada. En 2012, unha forte tormenta solar fixo crer que poderíamos ver auroras boreais. E, en novembro de 2015, un portal estadounidense chegou a predicir que serían visibles. Pero non aconteceu nada.

Calcúlase, iso si, que podemos ver entre tres e catro auroras polares por século. Así que, estatísticamente, temos que estar a piques de ver algunha. E, coa cantidade de trebellos fotográficos con que hoxe contan todos os cidadáns, vai ser a máis retratada da historia. Pero hai que ter en conta que os mellores momentos para observar auroras no hemisferio norte van de setembro a marzo. E que son necesarios ceos despexados. Algo que non adoita acontecer en Galicia precisamente neses meses.





Capítulo distinto merece outra aurora boreal que atopamos rexistrada en 1850 en Vigo. Recóllea Xosé María Álvarez Blázquez na súa obra ‘A cidade e os días’. Na data do 2 de novembro daquel ano anota: “Unha aurora boreal é observada na nosa cidade. A media tarde, o ceo e os montes próximos tínguense dunha luz cor granate intensa, que ocasiona a natural expectación e aínda a alarma da veciñanza. Despois do inusitado fenómeno, o ceo se anubrou. A temperatura era moi baixa”, conclúe.

É posible que, en efecto, aquel fenómeno fora unha aurora polar. Aínda que Vigo está no paralelo 42, demasiado ao sur para contemplar habitualmente o choque luminiscente do vento solar, cargado de partículas, contra a magnetosfera da Terra.

Pero atopamos un feito histórico importantísimo co que Álvarez Blázquez non conta. Porque precisamente en 1850 tivo lugar no mundo un dos acontecementos xeolóxicos máis impactantes: o nacemento dun volcán. Trátase dun raro fenómeno na historia, xa que a inmensa maioría deles xurdiron na prehistoria. Foi o Cerro Negro, na actual Nicaragua, un deses raros exemplares que viñeron ao mundo cando o ser humano xa sabía ler e escribir.

O Cerro Negro érguese hoxe ata 726 metros de altura no departamento nicaraguano de León. E está situado no medio dunha chaira onde, hai dous séculos, non había nada. Ata que, na madrugada do 13 de abril de 1850, se produciu unha auténtica hecatombe planetaria. Entre tremores de terra, un balbordo descomunal e proxeccións de lava, xurdiu o volcán. En dúas semanas tiña 50 metros de altura. E, en sucesivas erupcións, foi formando un formidable cono ata alcanzar o seu actual tamaño.


Predición de 2015 dunha aurora polar sobre Galicia.

A xénese do Cerro Negro, en 1850, botou á atmosfera toneladas de residuos, cunha espesa nube de piroclastos que alcanzaron os 6 quilómetros de altura. Os veciños das localidades próximas foron arrasados, como sucedese antes en Pompeia e Herculano durante a gran erupción do Vesubio. E as consecuencias do nacemento deste volcán sentíronse en toda a Terra.

Os piroclastos do Cerro Negro alcanzaron as capas altas da atmosfera e provocaron que, nos meses sucesivos, as saídas ou postas do Sol, en todo o mundo, foran dun vermello encarnado, brillante e espectacular. Volvería suceder o mesmo décadas máis tarde, coa erupción do Krakatoa, en 1883, cuns solpores coruscantes mesmo en Europa, que chegaron a inspirar ao artista Edvard Munch para pintar o ceo carmesí da súa obra ‘O berro’.

Así que a aurora boreal de novembro de 1850, aínda rexistrada polo escritor Álvarez Blázquez, probablemente non era tal. Ademais foi visible de día e non de noite. Polo que todo sinala que, en realidade, se trataba doutro fenómeno. O dun volcán en nacemento. O colosal Cerro Negro, alén do Atlántico.

E, como as auroras boreais adoitan aparecer en Galicia unha vez por cada xeración humana, máis de 25 anos despois da última soñamos con estar a piques de asistir ao extraordinario espectáculo da primeira do século XXI.

Ningún comentario:

Publicar un comentario