Marcos Pérez Pena
http://praza.gal/
Unha sentenza do Tribunal de Xusticia da Unión Europea, coñecida este xoves, declara que o Estatuto Marco do persoal estatutario dos servizos de saúde (de 2003), que permite o encadeamento de contratos temporais para atender necesidades en materia de persoal, cando estas necesidades son en realidade permanentes, é contraria á normativa europea, en concreto ao Acordo Marco da UE sobre o traballo de duración determinada. O tribunal sinala que os nomeamentos de duración determinada non poden renovarse ano tras ano para desempeñar funcións permanentes e estables incluídas na actividade normal do persoal estatutario fixo. É dicir, declara ilegal que se fagan contratos temporais para cubrir postos que deberían ser fixos.
O tribunal sinala que os nomeamentos de duración determinada non poden renovarse ano tras ano para desempeñar funcións permanentes
Esta práctica é frecuente en numerosos ámbitos do sector público, sobre todo na Sanidade, e en Galicia é realizada de forma habitual polo SERGAS, que nos últimos anos foi reducindo o seu número de prazas, cubrindo as necesidades de persoal con substitucións de moi curta duración, encadeadas de forma sucesiva, cun evidente prexuízo para os traballadores e traballadoras pero tamén para a calidade da atención que reciben os e as pacientes. Nun ano chegaron a facerse ata 100.000 contratos, cunha incidencia particular en áreas sanitarias coma a de Compostela (30 mil contratos para un persoal total de 5.500 empregados e empregadas) e chegando mesmo a realizar 26 contratos para un só profesional nun único mes. A taxa de reposición consolidou esta estratexia, contribuíndo á progresiva destrución de postos de traballo na sanidade pública galega, o que é decote denunciado polos sindicatos, que lle demandan á Xunta que recupere as prazas de profesionais sanitarios existentes nos anos previos á crise.
A sentenza europea responde a unha cuestión formulada polo xulgado do Contencioso-Administrativo número 4 de Madrid, trala denuncia presentada por unha enfermeira que, logo de sete contratos sucesivos entre 2009 e 2013 para cubrir postos estruturais, foi cesada. Despois deste contundente pronunciamento do Tribunal europeo, o xulgado de Madrid deberá ditaminar se lle recoñece ou non a esta traballadora un cesamento indebido e se a declara indefinida non fixa (interina no caso do sector da sanidade).
Despois deste contundente pronunciamento do Tribunal europeo, o xulgado de Madrid deberá ditaminar se lle recoñece ou non a esta traballadora un cesamento indebido e se a declara indefinida non fixa (interina no caso do sector da sanidade)
A sentenza lembra que as directivas europeas sinalan que os estados membros "deberán introducir medidas para previr os abusos derivados da utilización de sucesivos contratos ou relacións laborais de duración determinada e evitar deste xeito a precarización da situación dos traballadores por conta allea". O tribunal europeo emitiu recentemente outras dúas sentenzas (en relación a traballadores do Servizo Vasco de Saúde e do Concello de Vitoria-Gasteiz) nas que ditamina que as autoridades españolas deben establecer "medidas adecuadas suficientemente efectivas e disuasorias" para previr e sancionar os abusos "constatados" en relación a contratos temporais. De igual xeito, hai uns meses o TSXG sentenciou que o SERGAS encadea contratos do seu persoal cunha "vía fraudulenta" para "ocultar unha contratación indefinida de persoal" e mandou devolverlle a unha auxiliar de enfermaría o seu posto de traballo en Verín.
"A sentenza vén demostrar que a taxa de reposición é ilegal"
María Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG-Saúde, sinala que estas prácticas son realizadas en Galicia dende a chegada do PP ao Goberno en 2009 "porque hai un intento consciente de eliminar postos de traballo", consolidado pola aplicación nos últimos anos da taxa de reposición. "A taxa de reposición impide cubrir o 100% das vacantes. A sentenza vén demostrar, polo tanto, que a taxa de reposición é ilegal", sinala Abuín, que demanda a supresión da taxa de reposición e que se abra unha mesa de negociación para recuperar o cadro de persoal que había no 2008.
"A taxa de reposición ten unha compoñente ideolóxica moi grande e aquí utilizouse como un instrumento para desmontar o sistema público e para fomentar a sanidade privada. A liña deste goberno é a eliminación de postos de traballo na sanidade pública para fomentar a privada. Unha das demostracións máis claras disto é a Lei de Garantías, que che penaliza se non aceptas ser atendido na privada", afirma.
"A taxa de reposición ten unha compoñente ideolóxica moi grande e aquí utilizouse como un instrumento para desmontar o sistema público e para fomentar a sanidade privada"
Para Abuín, o encadeamento de contratos temporais para cubrir prazas fixas "é unha práctica moi negativa para o traballador, para o sistema e para o usuario. E afecta tanto en unidades de gran complexidade, coma os departamentos cirúrxicos ou UCIs, coma na atención primaria, na que é fundamental un coñecemento integral da contorna do paciente e un seguimento continuado da súa situación". "Se ti cambias o profesional cada mes ou cada tres meses, ou se lle fas ir en días alternos, un par de días por semana, rómpese a atención integral", conclúe. "Un persoal estresado e con malas condicións non pode ofrecer unha boa calidade asistencial", denunciaban tamén as representantes de Sanitarios Galegos Públicos (SAGAP), sindicato que agrupa parte do persoal eventual do SERGAS.
"É unha práctica moi negativa para o traballador, para o sistema e para o usuario"
Os efectos deste pronunciamento poden estenderse aos interinos que ocupen prazas na sanidade, a educación, a xustiza ou en calquera ámbito das administracións públicas. As súas consecuencias prácticas aínda non están claras, pero as centrais sindicais celebran a sentenza como "un punto de inflexión". CC.OO. reclama neste senso unha modificación lexislativa e a fin da aplicación da taxa de reposición.
2800 prazas perdidas no SERGAS dende o 2011
Entre o 2011 e o 2015 o SERGAS perdeu 3.527 traballadores e traballadoras, principalmente a través de xubilación. As ofertas públicas de emprego convocadas pola Xunta suman unicamente 633 novas prazas
Entre o 2011 e o 2015 o SERGAS perdeu 3.527 traballadores e traballadoras, principalmente a través de xubilación. Porén, a taxa de reposición do 10% imposta polo Goberno central en 2010, elevada posteriomente ata o 50%, limitou moito a contratación de novo persoal que puidese cubrir esas vacantes xeradas. As ofertas públicas de emprego convocadas pola Xunta suman unicamente 633 novos traballadores e traballadoras, polo que o sistema galego de saúde perdeu case 2.900 prazas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario