XOSÉ CARBALLIDO
http://www.laregion.es/
A experiencia tenme demostrado que para mover marcos e reordenar leiras é necesario que interveñan as xentes máis mozas do lugar. Manteñen o ancestral respecto polos marcos, pero consideran que o seu futuro non pode pasar polo estéril inmobilismo da pedra chantada. Serán estes mozos e estas mozas as que farán o necesario labor de persuasión cos seus maiores para que ese futuro que eles albiscan sexa posible.
Na vindeira lexislatura, nun previsible Congreso sen maiorías absolutas é previsible que se tomen decisións de calado, non para os seguintes catro anos, senón para os vindeiros corenta anos. Ou catrocentos, vai ti saber. Galicia pode quedar “desaparecida” no debate territorial, e mesmo descender a terceira división. Por iso que unha candidatura unitaria que posibilite a creación dun grupo parlamentar propio pode, desta volta, ser crucial. É necesario, máis que nunca, reordenar as leiras mentais e facer a concentración.
Os que temos máis pasado que futuro deberíamos permitir que este estéril inmobilismo da pedra chantada sexa rachado polos que teñen máis futuro que pasado. É necesario unha mestura de pericia, equilibrio e psicoloxía. Pero tamén confianza social e, sobre todo, visión de futuro. Dígollelo eu, que traballo movendo marcos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario