Pablo Vaamonde
http://praza.gal/
“A xente non quere un hospital privatizado e recortado”, afirmaban os organizadores da manifestación, que reclamaban, polas múltiples deficiencias e irregularidades, o inicio dun proceso de rescate desta concesión
O día 3 de setembro de 2015 celebrouse en Vigo da manifestación máis multitudinaria que se recorda na cidade. Duascentas mil persoas protestaron polas deficiencias do novo hospital (que debería ser público, como tiña aprobado o goberno progresista de Galicia, pero que Núñez Feijóo entregou a unha concesionaria -para a construción e posterior xestión- e que foi inaugurado, despois dun proceso cheo de irregularidades, co nome do escritor Álvaro Cunqueiro). “A xente non quere un hospital privatizado e recortado”, afirmaban os organizadores, que reclamaban, polas múltiples deficiencias e irregularidades, o inicio dun proceso de rescate desta concesión. Esta manifestación xa estaba prevista deste antes do verán, para reclamar “un hospital 100% público, sen recortes de camas e cun laboratorio central”, que debería ser o centro de referencia para o sur de Galicia.
O traslado de pacientes desde o Hospital Xeral ao novo centro, iniciado poucos días antes, debería ter rematado nos primeiros días de setembro. Pero, xusto o día anterior á manifestación, unha muller de 65 anos faleceu no Hospital Álvaro Cunqueiro (HAC) afectada polo fungo Aspergillus. Poucos días antes un informe preliminar confirmaba a proliferación do mesmo fungo -que en 1998 provocara a morte de seis persoas no Meixoeiro-. A Consellería defendeu que o contaxio non se producira no novo hospital. Pero as análises microbiolóxicas revelaron a existencia de Aspergillus, polo que suspenderon temporalmente os ingresos de pacientes e pecharon as zonas cirúrxicas, a UCI e outras unidades sensibles.
Os expertos afirman que a presenza de Aspergillus nun centro hospitalario debe ser nula. “Comezar os traslados antes de que concluísen as obras era innecesario, pero realizar as análises no último momento foi unha temeridade“, afirmaba un facultativo. Esta situación, provocada polas presas da Administración para realizar este traslado (a empresa concesionaria quere comezar a cobrar o canon pactado), obrigou a devolver os pacientes ao Xeral e provocou unha nova demora. O sindicato médico CESM presentou unha denuncia na Fiscalía de Vigo contra a Conselleira de Sanidade por posible homicidio imprudente, ao ter permitido o traslado de pacientes antes de que rematasen as obras e sen adoptar medidas preventivas especiais.
Todos estes déficits fan que o proxecto estrela de Núñez Feijoo se converta nun tremendo fracaso e nunha burla á cidadanía
A gravidade desta situación, que provocou unha enorme alarma social, deixou nun segundo plano as múltiples deficiencias que veñen denunciando os profesionais e os pacientes. As dificultades nos accesos ao Hospital, o pago polo aparcadoiro (1.86 euros por hora, o máis caro de Galicia), o déficit de equipamento, a presenza de roedores, a caída de cachos do teito, a deficiente calidade das paredes que impide colocar equipamentos, a ausencia de lavabos en quirófanos e consultas, as inundacións de corredores, a existencia de pingueiras, a diminución do espazo para Urxencias, a redución dos quirófanos:todos estes déficits fan que o proxecto estrela de Núñez Feijoo se converta nun tremendo fracaso e nunha burla á cidadanía.
A primeiros de outubro foi cesada a conselleira Rocío Mosquera; podemos interpretar este cese como un triunfo da mobilización cidadá. Pero a realidade é que non cambia a política. Galicia está sendo castigada con medidas privatizadoras que levan á precarización dos servizos públicos. A inmensa débeda que este goberno ten coa cidadanía non queda reparada con esta decisión. Mais ben ao contrario; podemos sospeitar que será Núñez Feijóo quen asuma, aínda máis, o protagonismo no terreo sanitario. E xa sabemos que é un convencido e experto privatizador.
Os celadores fixeron un peche para protestar porque as súas funcións foron asignadas a persoal externo contratado por medio dunha ETT
Mentres tanto, con absoluto desorde, reiniciaron o traslado de pacientes e de actividade ao HAC. E as noticias sucédense. O persoal protesta polas numerosas incidencias: a mediados de setembro fixeron un relato público, moi impactante, das deficiencias e riscos para os pacientes e profesionais que presenta esta infraestrutura, que non estaba preparada para o traslado. Os celadores fixeron un peche para protestar porque as súas funcións foron asignadas a persoal externo contratado por medio dunha ETT. A primeiros de outubro a falta de material obrigou a cancelar a operación dunha persoa enferma de cancro. A mediados deste mesmo mes produciuse a rotura dunha condución de augas fecais na área de Urxencias, probablemente polas deficiencias dos materiais empregados na construción.
Este hospital, que Núñez Feijoo presentou como o gran proxecto do seu mandato presidencial, xa deixa ver ás claras o que é na realidade: unha gran estafa
A preocupación da poboación aumenta, causada pola continua sucesión de anomalías, que non fan máis que prolongar a alarma. Os profesionais tamén expresan o desacordo. A folga de traballadores realizada o 13 de outubro tivo un seguimento do 90%, segundo a Xunta de Persoal. Nunha mobilización masiva denunciaron a incompetencia dos xestores, reclamaron a dimisión dos responsables e solicitaron a restauración dunha “sanidade pública e gratuíta”. O cambio de caras non abonda para acalar as protestas. O novo conselleiro, Vázquez Almuiña, enfróntase a unha herdanza envelenada. Os cidadáns non poderán esquecer que, por decisións políticas e por afán de lucro, os dirixentes do PP están a poñer en risco a saúde colectiva, ademais de deixar unha severa hipoteca para o futuro da sanidade pública galega. Este hospital, que Núñez Feijoo presentou como o gran proxecto do seu mandato presidencial, xa deixa ver ás claras o que é na realidade: unha gran estafa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario