http://www.culturagalega.org/
Restos humanos da Idade do Bronce na Cova do Santo. Foto: Equipo de investigación
Contra a crenza popular, moitas veces os tesouros na arqueoloxía non están feitos de ouro ou de prata, senón de información. Un conxunto de 64 ósos humanos e animais depositados nun enterramento colectivo moi pouco coñecido, nun cantil sobre o río Sil, están a alumear, case por primeira vez, como era a dieta e a vida das comunidades que vivían no noroeste da Península durante a Idade do Bronce. Os resultados acaban de ser publicados nunha prestixiosa revista internacional.
Pero cando se dan as condicións axeitadas, os restos aparecen. En concreto, na Cova do Santo, unha pequena cavidade com alomenos tres cámaras, localizada nun cantil sobre o rio Sil no concello ourensán de Rubiá, nunha das poucas zonas kársticas, é dicir, de pedra caliza, que se poden atopar no país. A caliza facilita a conservación de restos orgánicos e a Cova do Santo, "polo número de ósos humanos recuperados, representa a colección prehistórica máis grande do Noroeste de España", aseguran os investigadores nun estudo publicado no último número do prestixioso Journal of Archaeological Science.
Os autores son Olalla López-Costas e Antonio Martínez Cortizas, da Universidade de Santiago de Compostela, e Gundula Müldner, da Universidade de Reading (Reino Unido). O equipo achegouse a estes raros achados para coñecer que podían contar estes esqueletes sobre a dieta e o estilo de vida no noroeste da península durante a Idade do Bronce. Trátase do estudo máis amplo feito ata o momento a partir de restos humanos nesta zona e a primeira vez que coñecemos a vida dunha pequena comunidade que compartiu, alomenos, o lugar de enterramento.
Unha datación ben clara
O repertorio dos 64 ósos analizados pertencía a un mínimo de catorce individuos de diferentes idades e sexo: seis mulleres, catro homes, dous nenos e posiblemente unha moza adolescente. Os seus ósos foran separados e desarticulados conscientemente cando se depositaron na cavidade, pero sen escavar, os investigadores descoñecen como foi o procedemento de depósito na cova.
De feito, parte do miragre que chegase ata nós unha colección tan grande de individuos da Prehistoria pasa porque a cova é inestable e tremendamente insegura, ata o punto de que os científicos a penas poden pasar unhas horas alí dentro e non se pensa, polo momento, en escavación. Moitos restos están ao aire libre, distribuídos por tres cámaras, coas caliveiras e as tibias depositadas sobre o frío solo da cova, como se ve nas fotografías. Como non se puido escavar, as mostras que se recolleron estaban en superficie. A posterior análise de Carbono 14 revelou que alomenos a etapa máis intensa de uso desta caverna foi durante o Bronce Medio, aínda que tamén apareceron restos animais anteriores, de época neolítica.
A Idade do Bronce é o periodo anterior á época dos castros, a coñecida como Idade do Ferro. Os ósos de Cova do Santo ofreceron unha cronoloxía de entre 1800 e 1600 a.C., que en Galicia se corresponde coa época coñecida como Bronce Medio. A Idade do Bronce está "atrapada" entre esoutros dous periodos de máis sona: por unha banda o Neolítico e o Calcolítico, coas grandes tumbas e mámoas que chegan ata hoxe, e a Idade do Ferro, a época dos castros, cando todo o territorio galego se encheu de grandes fortalezas. Pero a Idade do Bronce foi unha época de gran dinamismo: moitos dos grandes conxuntos de petróglifos de Galicia foron posiblemente gravados nalgún momento desta época e ao longo deses séculos establecéronse importantes relacións comerciais e de intercambio tecnolóxico entre o Atlántico sur e norte.
Como eran os nosos devanceiros?
As análises levadas a cabo polos investigadores revelan que os nosos devanceiros levaban vidas duras. Os adultos non superaban os corenta anos e a análise dos ósos revela unha importante presenza da artrose e procesos dexenerativos nas articulacións en idades moi tempranas que, segundo Olalla López-Costas, "pode deberse a un intenso traballo físico". Non eran especialmente altos: nas mostras tomadas os homes medían ao redor dos 1,65 metros e as mulleres sobre 1.50, pero para López-Costas é difícil establecer en que medida estas estaturas eran representativas para a época, debido ao baixo número de mostras dispoñibles.
Sen embargo, malia a escasa esperanza de vida, os investigadores non atoparon trazas de enfermidades das que poden deixar rastro nas estruturas óseas, como problemas infecciosos ou metabólicos, pero son moi cautos en buscar unha explicación: "o baixo número de lesións patolóxicas non debera ser interpretado como un indicador de boa saúde, porque a relación entre as dúas variables son complexas". De novo, a mostra é moi pequena, os individuos puideron ter sido "preseleccionados" polo seu estatus ou algunha outra categoría ou mesmo puideron finar rápidamente das súas enfermidades sen que estas deixaran trazas nos ósos.
Tampouco, e isto é importante, atoparon evidencias de violencia ou roturas traumáticas nos esqueletes. Isto é importante, xa que revela unha diferencia con sociedades da mesma época no sur da Península. Algúns investigadores, por exemplo, tiñan detectado no Sur da península unha maior incidencia de lesións craneais durante a Idade do Bronce en relación a tempos anteriores e iso lles levaba a supoñer o nacemento de sociedades xerárquicas e o aumento da violencia interpersoal. Isto non parece acontecer nos restos da Cova do Santo, onde só un cráneo parece ter certo dano traumático e non hai ningunha evidencia máis que permita falar de mortes (ou vidas) violentas.
O enigma da penetración do millo miúdo
Os ósos revelan moito da dieta das xentes da época. Os homes e mulleres da Cova do Santo consumían moitos máis vexetais que carne, pero hai un detalle moi importante para comprender os cambios da alimentación na Prehistoria, e ten que ver coas diferentes velocidades e métodos coas que as prantas realizan a fotosíntese; en función do método empregado, as prantas divídense en prantas C3, C4 e CAM.
Os estudos dos individuos depositados na Cova do Santo revelan que a súa dieta vexetal estaba baseada en plantas C3, as máis abundantes en Europa, e ás que pertencen por exemplo a cebada, a avea, o centeo ou as leguminosas.
Un dos obxectivos dos investigadores, pola contra, estaba en comprobar a penetración doutras especies de plantas que poderían estar asociadas a importantes cambios non só na agricultura, senón levaren asociadas consecuencias sociais decisivas para comprender as transformacións da cultura e a aparición de comunidades sedentarias e xerarquizadas. En efecto, algúns investigadores sosteñen que o emprego de prantas con fotosíntese C4, que se prantan na primavera ou no verán e producen en só tres meses, debido a que son capaces de realizar a fotosíntese con maior rapidez, tivo que ver con estes importantes cambios no comportamento humano.
Prantas dunha longuísima tradición en Galicia, coma o millo miúdo, que xa se usaba masivamente nas lareiras das casas castrexas e ao longo de moitos séculos ata que chegou o millo americano, son do tipo C4. O millo miúdo permíteche aproveitar moito mellor as terras: no inverno podes empregalas para pasto e no verán cultivalas, ou se se te estragan as colleitas de inverno podes resistir únicamente coas de verán, xa que é unha pranta moi produtiva. O feito de que a terra sexa moito máis rendible leva a que non sexa preciso moverse continuamente na procura de sustento e, xa que logo, ao importante fenómeno da sedentarización. O elevado rendemento do cereal conduce a que se xenere excedente e o excedente pode conlevar a xerarquización das sociedades.
Os investigadores da Cova do Santo coñecían que no sur da Península está documentada a presenza de prantas C4 para a Idade do Bronce, e querían coñecer se a pequena comunidade da cova do Santo, ao redor do 1700 a.C., xa incluíra na súa dieta estas importantes prantas. Pero nos ósos da cova só se detectou o rastro das vellas prantas C3. O importante cultivo do millo miúdo podería ter chegado, alomenos a esa zona de Ourense, con posterioridade á vida destas xentes que empregaron este lugar como zona de enterramento durante alomenos máis de trescentos anos.
A impresionante colección de ósos da Cova do Santo non fixo máis que comezar a falar, e ten ao seu favor o seu, polo momento, carácter único. Segundo Olalla López-Costas, "trátase dun dos poucos conxuntos no Noroeste peninsular, polo que é moi importante, é unha primeira peza do puzzle ". Agardamos que no futuro o puzzle poida ter moitas máis pezas coas que investigar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario