Suso de Toro
A vida social parecía discorrer sobre raís desde hai trinta
anos, aínda que con contratempos como unha marea negra que un Goberno pretendía
ocultar, unha guerra contra Iraq ou un atentado que o mesmo Goberno pretendía
adxudicar a ETA para gañar unhas eleccións, pero a confianza nun futuro
predicible acabouse e estamos a vivir a historia. Acabouse o período histórico
que abriu España tras a morte de Franco e que se levantou sobre os cimentos da
Transición, que resultaron de lama.
Antes un abría o xornal para saber de "a
actualidade", xa non hai diso, agora vivimos sen alento unha agonía da
vida social. A dereita golpéanos
cunha violencia e un descaro que xa non esperabamos, o frenesí e a
concentración de poder no capital financeiro xeraron estas camadas de políticos
ultraliberais, xa non necesitan unha dereita paternalista que reparta os restos
da riqueza acumulada en poucas mans, agora directamente quedan con todo e os
demais que traballen "como chineses"..., para eles.
Nese contexto, cando todo se decide en lugares descoñecidos
e segredos, e os gobernos dos estados son meros representantes dun poder alleo,
unhas eleccións parecen un mero paripé. E ao peor, sono. Pero teñen a súa
importancia na vida das persoas; ou sexa, nós.
Se gaña o PP, ou sexa
o Goberno de Rajoy, sentirá confirmado para seguir adiante coa súa política e o
mércores pedirá ao fin o rescate que veu aprazando
Nas eleccións galegas non vai ocorrer nada que dirima os
dilemas que nos angustian, pero crúzanse moitas cousas. Se gaña o PP, ou sexa o
Goberno de Rajoy, sentirá confirmado para seguir adiante coa súa política e o
mércores pedirá ao fin o rescate que veu aprazando, con todas as súas
consecuencias para nós. Pero se perde, farao igualmente o martes. Se gana, Feijóo subirá puntos no seu
partido, pero iso impórtalle a el e non a nós. Se perde, Rajoy verase máis
aguilloado polos seus inimigos no partido e Feijóo marchará a Madrid de volta
antes dun ano, pero iso impórtalle a eles e non a nós.
Pero se perde o PP,
quen gana? Gañamos quen nos vemos asfixiados por unha política antisocial e
clasista e os galegos que vemos que ocupa o Goberno galego un proxecto político
que nace na rúa Génova
Pero se perde o PP, quen gana? Creo que gañamos quen nos
vemos atafegados por unha política antisocial e clasista e os galegos que vemos
que ocupa o Goberno galego un proxecto político que nace da sede do PP na rúa
Génova e que é absolutamente contrario aos intereses económicos, sociais e
culturais que nacen en Galicia. O que ocupe a Xunta só pode ser mellor que o
que temos, ou polo menos non tan daniño.
O que ocupe a Xunta só
pode ser mellor que o que temos, ou polo menos non tan daniño
E que será o que, nese caso, ocupe a Xunta? Nese caso unha
coalición encabezada polo PsdG, aínda que probablemente sufra un retroceso, co
BNG e con moita seguridade con AGE, a marca de EU en Galicia que se uniu a un
grupo creado ao redor de Xosé Manuel Beiras, até hai poucos meses portavoz do
BNG. A xente non é parva e todos vemos a dificultade de encaixar esas pezas, e
con iso e co suposto radicalismo do nacionalismo galego asusta Feijóo.
O nacionalismo español no fin de campaña sacudiu cada día a
pantasma do nacionalismo catalán e, aquí, tamén o galego, pero creo que o que realmente pode paralizar a
un sector do electorado á hora de inclinarse polo cambio non é o medo aos
galeguistas senón o temor á inestabilidade e o desgoberno dunha coalición de
esquerdas. Está por ver a actitude de AGE nese caso, aínda que EU apostou
en Andalucía por un Goberno de coalición, e en Galicia a sociedade sabe que o
BNG é un partido moi reivindicativo pero que tamén leva anos coaligado cos
socialistas en concellos, deputacións e aínda na Xunta.
A campaña ten consecuencias directas para Galicia, onde
Feijóo fixo as políticas de Esperanza Aguirre xa antes de que Rajoy gañase as
eleccións, incluído un ataque á lingua galega inédito nos anos de autonomía,
pero tamén as ten na política española e é inevitable que, aínda que o PP non o
quixese, ademais do debate catalán tamén se coase na campaña o xuízo polos hilillos do
Prestige e o rescate financeiro ao reino de España, un rescate que se veu
ocultando vergonzante e vergonzosamente.
En Galicia, contra o
tópico establecido, sempre houbo máis votos de esquerda que de dereitas
Quen gañará? Non creo
que o saiban nin quen teñen as mellores enquisas, é un enigma. En Galicia,
contra o tópico establecido, sempre houbo máis votos de esquerda que de
dereitas, pero mercé á lei D'Hont a Xunta perdeuse e gañouse pola diferenza dun
deputado, poida que por un deputado perda ou gañe o PP pero desta vez pode
gañar ou perder por tres ou por catro e seguramente dun Parlamento de tres partidos
pasemos a un de catro ou de cinco. En calquera caso, espectáculo e colorido non
faltará.
Ningún comentario:
Publicar un comentario