domingo, 10 de abril de 2011

SOBRE O CAMBIO NA DIRECCIÓN DE ENFERMERÍA

Por: G.A. Facebook Luns, 28 de Marzo de 2011


Cando un está diante do alcance que significa nomear unha Dirección de Enfermería cuxos activos equivalen a Matronas, Fisioterapeutas, Enfermeiras, Técnicos (…de raios, laboratorio, anatomía etc.) e Aux. de Enfermeira,... unha Dirección de Enfermería que xestiona máis do 50% do total de traballadores do HCV e que debería ser peza fundamental en calquera hospital. A enfermería de súpeto é obrigada a dar un paso que significa non romper co cordón umbilical que a ata aos médicos, emprendendo un camiño de difícil retorno. Mudar de Dirección non é un simple cambio de figura visible. A Xerencia con este nomeamento, vexo que só busca o prototipo de enfermería de outros tempos: calada, submisa, abnegada e cumpridora, mudando de forma substancial o modelo de funcionamento, rompendo os vencellos do tecido  produtivo deste Hospital.

Todo iso é algo que irá esmorecendo de xeito máis ou menos rápido nos vindeiros meses e anos. Pola súa capilaridade ninguén o sentirá como un golpe radical pero silandeiramente irá facéndonos a todos máis pobres, en tódolos sentidos. E isto dito, por se tivéramos algunha dúbida, por alguén que non é enfermeiro nin médico, e que ten sido crítico con moitas das actuacións de enfermeiras e médicos, pero que, ao mesmo tempo, é quen de entender a relevancia e amplitude do labor que realizan, e, sobre todo, a potencialidade para facer moito máis e mellor. O certo é que todo iso é algo que, como sociedade, empezamos a perder desde o día en que a Directora Xerente actual sen ningún tipo de convocatoria traspasou a Dirección de Enfermería (por dimisión do anterior), así como a maioría dos Supervisores. E seguiremos perdendo ata o día que nos demos conta de como se fan as cousas con esta Xerente.

Por non falar da desaparición de postos de traballo ou cantidade de pequenas actividades en todos os recunchos do mesmo. Un non pode máis que sentir unha profunda sensación de decepción e enfado a partes iguais.

Debo dicir que o que máis me descorazona é a irresponsable submisión da enfermería aos ditados dos poderes médicos, que, no caso do HCV só obedecen aos intereses de dúas familias, como un sedicioso neocentralismo que aspiran a concentrar e controlar todas as parcelas de poder no noso hospital, á costa de estrangular a capacidade de imaxinación e bo facer dos profesionais das distintas categorías, aló menos daquelas que se deixan.

Descorazona cá enfermería deste hospital teña tan pouca clareza e conciencia dos seus intereses estratéxicos como para non converter isto nun auténtico ‘motivo de guerra’.
Descorazona que algúns sindicatos e outras forzas vivas sexan quén de erguer barricadas para estúpidas batalliñas localistas e fraticidas pero sexan incapaces de falar alto e claro cunha única voz cando nos rouban calidade na atencion sanitaria.
Descorazona que os centros de creación de opinión do país bailen á corda dos partidos maioritarios e conviden a impartir doutrina aos seus voceiros. Ou que o Colexio de Enfermería, non diga unha palabra neste e outros debates.

En fin, temos o xusto pago por ser unha sociedade sen pulso propio, cunha elite gobernante delegada e silenciada polo simple temor a perder unha esmola ou unha franquía.

Hoxe a profesión de enfermería pasou dunha función supeditada a os médicos a unha función independente, coas súas propias competencias e ámbito de práctica profesional, asistindo ao desenrolo da práctica baseada na evidencia. A sociedade non pode abordar os graves problemas do noso tempo sen contar cos coñecementos e capacidades da enfermería, algúns pendentes de actualización, ou en proceso como: a Licenciatura, a Especialidade, a Prescrición farmacolóxica…

Unha dirección forte en enfermería é de importancia crítica para desenrolar as súas capacidades, e para facer realidade a visión de futuro, con coñecementos, estratexias e fortaleza, que podan dirixir e xestionar os servizos cooperando co resto dos traballadores para conformar a política sanitaria. O entorno actual esixe incrementar influencia política como persoas e como profesionais, en beneficio dos servizos que prestamos, necesítanse enfermeiras que colaboren cos demais dispensadores de atención de saúde, para establecer a maneira óptima de mellorar.

En definitiva, estudar a función das profesións de saúde no futuro sistema social de Europa baseándose en criterios tales como a competencia, a armonización, a responsabilidade, a eficacia e a solidariedade. A enfermería ten que ter voz forte e unida, e para que esta voz se escoite, ten que expoñer claramente as súas posicións e influír en favor delas.

Estamos inmersos nunha fase periódica de pesimismo, un estado de espírito tan noso que nos fai adquirir un complexo autárquico de inferioridade, de malos augurios. Dende hai tempo empéñome en atopar, entre os escombros do desespero, raios de esperanza, xa que non boas noticias. Nunca quixen sentirme médico, nin enfermeiro, nin xestor, pese a estima que sinto por todos. Aquí e agora, trato de ser optimista co HCV, hai que dar fin a monotonía acomodaticia, o mesmo somos un gran hospital, e iso non no lo quita ningunha mala Xestión, nin unha pouco carismática enfermería que non vive seus mellores momentos de imaxe precisamente, e que non aporta outras solucións que non veñan xa dadas pola sociedade, que somos vostede e eu.

Sempre pensei que unha parte substancial arranca da autoestima e o orgullo como profesional, a unidade, o traballo colectivo, a honradez e as ganas de innovar. Agora estamos como achantados e, así, calquera palmadiña de ánimo dada por alguén énchenos de orgullo a uns e de ira mal contida a outros, …non estamos tan mal, xa cho dicía eu.

Botar ou que dimitan Director de Enfermería e a maioría de Supervisores pode ser unha solución (podería ser), pero non é, dende logo, 'a' solución: a solución comeza e pasa por nós, polos traballadores/as en primeiro tempo (o malestar é o principal problema), as ocorrencias sen sentido, o afán de prohibir, de lexislar no baleiro, outro.

Cómo ilusionar a estes traballadores/as resignados pero cabreados, escépticos a todo? pode que o pretendan substituíndo unha Dirección de Enfermería por outra, co espellismo do cambio. Pero o que verdadeiramente paréceme urxente cambiar é este estado de ánimo colectivo, tan chumbado, conscientes todos de que recuperar voo é posible, case inevitable. Iso si sería unha boa noticia, sería un notición…

Ningún comentario:

Publicar un comentario