mércores, 13 de abril de 2011

Virxilio Vieitez, un clásico da ‘nosa’ fotografía


Por: abc

O presente fuxe, só o pasado cobra consistencia co peso do tempo... Tarkovski


Virxilio Vieitez (1930-2008) nacido en Soutelo de Montes (Pontevedra). Con 18 anos viaxa ao Pirineo Aragonés, onde traballa como mecánico e onde compra a súa primeira cámara fotográfica. En 1949 volve a Soutelo cunha bicicleta roxa. Súa nai non pode crer o que ve queixase con amargura: “É o golfo máis golfo do lugar, en vez de cartos trae unha bicicleta”. Logo volve a Cataluña, esta vez a Palamós, e consigue empregarse co fotógrafo Juli Pallí como axudante, con quen aprende as claves do oficio, perfecciona o manexo da cámara e o traballo de laboratorio. Movese en bicicleta polas praias cércanas, aproveitando o comezo do boom da Costa Brava, facendo fotos de turistas. Incluso metese no negocio das fotos pornográficas que venden en Francia, neutralizando posibles problemas regalándolle algunhas á Policía e Garda Civil. Cando se dispoñía a establecerse pola súa conta en Platja d’Aro, enferma a súa nai e volve para coidala. Parte dos negativos feitos en Cataluña tróuxoos de volta a Galicia, pero arderon un día que se descoidou mentres fumaba.


En 1955 xa en Galicia abre un estudio fotográfico no seu pobo natal, baixo a marca comercial Fotografía Perelló, o alcume de seu pai emigrado a Francia ao pouco de nacer e que non coñecería. Suspende súas actividades como fotógrafo mentres cumpre o servizo militar e recupéraas no 1957, entonces deixa de lado a Retina coa que traballara ate agora e merca unha Rollei coa que realiza o mellor da súa obra. Ata 1964, cando se instala a traída de augas en Soutelo de Montes, para lavar as copias e os negativos tiña que achegarse a fonte pública, por iso aínda resulta máis admirable a excelente calidade dos seus negativos formato 6x6. E asombra que rara vez usara máis dun negativo para cada foto, o que demostra dominio do retrato e control dos elementos que encadraba.


Como fotógrafo dunha comarca de marcado carácter rural, movese polas aldeas e pobos veciños na súa Lambretta sacando fotos para o DNI, sobre todo dende que este convertese en documento obrigatorio a principios dos 60; En pouco tempo converteuse no fotógrafo máis solicitado para reportaxes de cerimonias, vodas, retratos, preitos, funerais e bautismos, documentando coa súa cámara os momentos clave na vida das persoas e familias de toda a bisbarra de Terra de Montes, chegou a facer unha voda diaria, excepto os martes, polo visto ninguén se casaba en martes, así que en 1967 compra un Seat 1500, “o coche das noivas”, pero non tarda en diminuír a frecuencia das vodas, reducidas a fins de semana; a maioría das obras de Vieitez son en branco e negro, aínda que a partir dos 70 comeza a alternar branco e negro con color, pero sempre prefire o branco e negro porque permitelle traballar a fotografía no laboratorio pola súa conta. A obra dun fotógrafo rural na Galicia onde exerceu como retratista nos 50, 60 e 70, un oficio que resulta arte a través dunha mirada que conxuga sentido intuitivo e posta en escena, elegancia formal e ausencia de engano, xusto porque só pon a vista na escena.


Parte da obra fotográfica de Virxilio Viéitez compóñena retratos en exteriores, en parte porque movíase dunha aldea a outra, pero sobre todo porque lle permitía unha maior liberdade de composición que no estudio. Aínda cando os clientes acudían a súa casa para facerse un retrato, il sacábaos á horta, cambiando os típicos fondos de estudio por unhas verzas ou uns froitais. O efecto desta combinación e posta en escena resulta, cércano e insólito, rústico e refinado. Basta contemplar a esas mulleres enloitadas, vestidas para saír, no medio dun carreiro flanqueadas por testos, elementos decorativos propios das fotografías de estudo…

As fotos de Virxilio Viéitez, nunca acicalan o modelo nin o escenario, nunca enmascaran a condición humilde dos retratados e dos lugares que habitan, nunca lle pedía a quén posaba que sorrira. Diríase co rigor dos encadres revelan un inconsciente carácter de estilo… só son fotografías con visos de cartas, novelas ou películas nun instante revelador dun tempo cravado na memoria.
A inmersión no tempo, para recuperar o presente suspendido na viaxe a nosa infancia que representa a obra de Virxilio Viéitez, porque o tempo pasado sobre esas fotografías é o mellor axudante do fotógrafo. E só os grandes alcanzan ese privilexio có tempo colabore con eles, non só para ser fixado ou preservado, senón para ser vivido tempo despois.


Ademais das fotografías xa coñecidas, que podemos considerar clásicos da fotografía española, unha serie de traballos inéditos, capaces de desvelar a orixinalidade que posuía Vieitez á hora de interpretar o xénero do retrato fotográfico, realizadas sempre sobre un fondo branco, que ofrecen unha representación etnográfica de gran valor, a través de rostros de persoas que, aínda coa súa singularidade e características propias, compoñen o retrato dun pobo. As primeiras fotografías en cor de Vieitez; obras que marcan o avance dunha época na cal a innovación tecnolóxica coincide con cambios políticos e sociais que desencaixan e forzan tamén a linguaxe fotográfica.
Cando se inventou a fotografía, ninguén podía imaxinar o pouco que encaixaría o seu futuro dentro de esquemas e definicións. Non obstante, o seu destino xa estaba salpicado de achegas, non só no campo da tecnoloxía (o factor máis previsible) senón tamén no seu goce, na súa linguaxe e no seu valor. A natureza mesma da fotografía implica certa dose de ambigüidade que fai difícil encaixar unha imaxe nun contexto definido. Unha fotografía pode nacer cunha función moi precisa, para despois adquirir novas connotacións.
Un excelente exemplo desa metamorfose que a fotografía leva no seu ADN é a obra de Virxilio Vieitez. Un fotógrafo que sabía, ou mellor dito sentía, que era o mellor no seu oficio, pero que non se consideraba a si mesmo autor, e que dende logo non imaxinaba que, despois de cincuenta anos, se recoñecería na súa produción o valor ‘autorial’ e artístico que o situou nunha encrucillada de xéneros e saberes.
Virxilio Vieitez a diferenza doutros, tiña un talento especial para conferir solemnidade a cada un dos retratos que realizaba. O seu estilo era inconfundible. Posuía unha capacidade e unha intuición extraordinarias á hora de formular a posta en escena, na que incluía obxectos e suxería poses que ás veces rozaban o surrealismo pero que, malia iso, convertíanse logo en fragmentos de verdade, fortemente enlazados co seu entorno.
O seu papel de fotógrafo de pobo naqueles tempos gozaba de gran prestixio e encaixaba perfectamente no carácter dun personaxe especial: intelixente, rápido, competente, instintivo e consciente das súas facultades. Daba ordes aos seus modelos cunha firmeza que non admitía discusión e cunha lucidez que garantía o resultado.
Dos primeiros retratos de estudio (segundo ditaban os costumes da época) aos que ambientaba ao aire libre, os seus preferidos; das reportaxes de cerimonias ás fotos de tamaño carné para o DNI, así como os retratos para enviar aos moitos familiares emigrados: o conxunto das súas imaxes ofrece hoxe un excelente testemuño etnográfico, que se converte en memoria dun pobo e dunha época.


‘Eu estudaba a papeleta e, cando premía o disparador, iso era o tiro seguro’. Virxilio Vieitez

Il só era un fotógrafo e ganábase a vida retratando ás xentes de Soutelo de Montes e bisbarra. Qué ia coñecer Virxilio Viéitez. Nin sequera imaxinaba cas súas fotos tiveran ningunha importancia máis alá das que conservaran seus retratados, fotos gardadas en latas de Cola-cao… ábrense de cando en vez, cando a memoria empuxa a recobrar as imaxes pasadas. O mundo, en caixas de Cola-cao, gustaríame saber delas…


A mediados dos 80 abandona definitivamente a fotografía e nos 90 súa filla Keka tómalle o relevo, tiña aprendido o oficio con él. Foi Keka quén en 1997 organizou unha exposición dun centenar de fotos en Soutelo, cansa de peregrinar cunha carpeta coa obra de Virxilio Vieitez baixo o brazo polas institucións galegas e que lle dirán largas unha e outra vez, así polo menos poderían velas aqueles que foran retratados polo seu pai, ou os seus descendentes.
Il só era un retratista de aldea. Pero, mira por ónde, Christian Caujolle, o director da revista Vu' viu a súa obra na Fotobienal de Vigo (1998), e levouno a París. E de aí ao mundo.

O seu corpo morreu na madrugada do 15 de xullo do 2008, no seu pobo natal.

Ver máis:

Ningún comentario:

Publicar un comentario