Nucleares? Non, graciñas
por: abc Abril 2011
A era nuclear arrancou en España en 1968 coa conexión a rede da primeira central atómica, construída en Zorita dos Canes (Guadalajara). Case tres décadas despois do freado que supuxo a moratoria do PSOE, en 1983, e do lastre de Chernóbil, a opción do átomo ganara xa moitos enteiros en España e no mundo. Ata que apareceu Fukushima...
Non tiñamos gardado aínda as bandeiras da manifestación contra das reformas laborais o recorte das pensións, e xa andamos rescatando do esquecemento as chapas de Nucleares? Non, graciñas en roxo con fondo amarelo, con aqueles ollos risoños, ten que estar no fondo dalgún caixón de mesiña de noite en compaña de outros da época, consumidos polo esquecemento… vímola milleiros de veces… apareceu en maio de 1975 foi obra de activistas antinucleares daneses, patentárona en 1976 (traducida a varios idiomas), …agora volve a estar de plena actualidade ante a ameaza de Fukushima.
O tsunami de Xapón e a ameaza nuclear ocupan as primeiras páxinas da actualidade. Un país como Xapón é incapaz de controlar Fukushima e estamos ao borde dun desastre maior que Chernóbil, quizá vaia sendo hora de rebuscar nos apuntes. Non como inútil exercicio de nostalxia, nin como inxenua contradición consumista, senón como reacción ao mundo que lle imos a deixar a os nosos fillos. Eu non son físico para opinar, profesionalmente, sobre as bondades ou prexuízos desta fonte de enerxía, tamén descoñezo as propiedades físicas do lume e sei, que queima. Non é necesario, ser un experto, para saber que AS CONSECUENCIAS DAS NUCLEARES SON O FIN DE TODO E DE TODOS. Incluíndo burros, ilustrados…, ou cegos por algunha destas lacras: ambición, lucro desmesurado, intereses da mais variada ralea, votante sumiso/a, falla de escrúpulos, ou todas elas incluídas... engada vostede a que lle pete…
Fukushima é o resultado dun exceso de confianza no ser humano.
As bombas de Hiroshima e Nagasaki, cun balance inicial de 69.000 e 25.000 mortos e moitos máis nas décadas seguintes, iniciaron a era atómica, militar e, logo civil.
O 28 de marzo de 1979, tan só 25 anos despois da conexión a rede eléctrica do primeiro reactor nuclear, producíase en Harrisburg (Pensilvania), o máis grave accidente da historia nuclear de EE UU, o segundo máis grave da historia da enerxía nuclear.
O accidente de Harrisburg puxo fin á euforia dos que defendían o uso civil da enerxía nuclear e demostrou que as centrais nucleares son inseguras, aumentando o rexeite da opinión pública. Por desgraza a experiencia de Harrisburg non foi suficiente para evitar o accidente nuclear de Chernóbil en 1986, o máis terrorífico dos acaecidos ata o momento, nun toma e daca, co actual de Fukushima…
A reflexión en torno a estas efemérides é oportuna na encrucillada desta primavera nuclear na que nos atopamos, indefensos ante as decisións que parecen ter tomado, man a man, os Gobernos.
En España, a enerxía nuclear nacía en 1948 nun laboratorio da Armada no que crean, sen demasiado ruído, a "Junta de Investigaciones Atómicas". Esta xunta enviou científicos ao estranxeiro para que se formaran na nova enerxía que abraiaba ao mundo e buscou reservas de uranio na pel de touro. Esta fase inicial remataba coa inauguración en 1968 da primeira central en Zorita dos Canes (Guadalaxara), actualmente clausurada. En 1970 entraba en servizo Garoña, seguida de Vandellòs I (1972), pechada despois dun incendio clasificado nivel III da escala Ines (1989). Nos setenta deseñase a segunda xeración de reactores: Almaraz I (1983) e II (1984), Ascó I (1984) e II (1986) e Cofrentes (1985). Outra central, a de Lemoniz, sen rematar polas presións de ETA, asasinando a un dos seus enxeñeiros. Da terceira xeración só se construíron as centrais de Trillo I (1988) e Vandellós II (1988). En 1983, o Goberno de Felipe González, (agora defensor da enerxía nuclear) ditou unha moratoria nuclear no seu plan enerxético. Os grupos previstos en Valedecaballeros, Trillo, máis o de Lemoniz, quedaron paralizados. O custe da moratoria foi avaliado e os españois pagámolo dende aquela no recibo da luz. O 25 de abril de 1986, o mundo quedaba paralizado polo accidente de Chernóbil e a moratoria española fíxose universal.
A presidenta do Foro Nuclear, María Teresa Domínguez, aseguraba o pasado 17 de febreiro que España necesitaría dispoñer de aló menos 3 centrais nucleares de nova construción e manter operativas as oito instalacións activas para asegurar o subministro de electricidade no horizonte 2035. Seu ton, sen ser triunfalista, reflexa o momento doce que atravesaba a opción nuclear despois de tres décadas de ostracismo. EE UU tiña renovado ata 60 anos a licenza das súas centrais máis antigas e varios países europeos, incluídos Holanda e Alemaña, proxectaban facelo; Italia reconsideraba a súa moratoria e os xigantes China, India e Iran apostaban pola enerxía nuclear, dispostos a multiplicar os 56 reactores que se están construíndo no mundo. Apenas 15 días despois ca representante do lobby nuclear español reivindicara a enerxía atómica, Fukushima irrompía con forza nos nosos fogares e o medo á radioactividade expandíase de novo polo planeta, abortando aparentemente unha primavera do átomo para usos pacíficos que parecía inevitable ata unhas poucas horas antes.
España ten 7.716 MW de potencia electronuclear instalada, no 2010 xerou enerxía suficiente para atender o 21% da demanda. Zapatero prometeu no seu programa electoral o desmantelamento progresivo do parque nuclear español. Agora dúbida.
O PP mantén aparentemente seu apoio á enerxía nuclear. No marco dun informe que a petición de Mariano Rajoy elaborou a FAES, o secretario xeneral e deputado do PP, Jaime García-Legaz, considera que, ademais de prolongar a vida útil das centrais nucleares, hai que apostar pola construción de outras novas, e recomenda iniciar xa a busca de emprazamentos, ademais de ampliar "de oficio" a 60 anos a vida das nucleares, xa que ''agora mesmo non se necesitan, pero España, no futuro, necesitarao porque vai seguir incrementando seu consumo enerxético''. Nas súas propostas para unha estratexia enerxética nacional, ademais desta afirmación engádense recomendacións tales como revisar a política de subvencións o carbón nacional e ás enerxías renovables limitando a presenza nas mesmas.
O informe da FAES aposta polo que, curiosamente, tamén aposta o novo presidente da patronal española, (unhas reformas rigorosas e libres de prexuízos), o Sr. Rosell, quén, coa ocasión da presentación do informe do Foro Nuclear insiste que España non pode permitirse o luxo de prescindir desta enerxía, xa que significaría un desperdicio económico.
Os partidarios da enerxía nuclear insisten, tratase dunha opción segura, fiable e barata. Non emite CO2 e polo tanto é unha enerxía limpa que debe ter unha contribución decisiva á loita contra o cambio climático. En España, cuxa dependencia enerxética só é superada por Italia en Europa, a enerxía nuclear é "imprescindible", asegura María Teresa Fernández, que considera óptimo incrementar ata o 30% a participación nuclear no "mix" enerxético dende o 21% actual.
Dentro do proxecto de Economía Sostenible, o Congreso acaba de aprobar unha serie de medidas, entre as que destaca o mantemento das centrais nucleares máis alá dos corenta anos autorizados ata agora. En comuñón con esa proposta, o Ministro de Industria, Miguel Sebastián, reiterou có funcionamento da central nuclear de Garoña será prorrogado ata o ano 2013, prazo considerado insuficiente por quen ve neste tipo de enerxía a panacea que resolverá os problemas do consumo enerxético deste estado.
O Ministerio de Industria, clama por prolongar a vida útil da central de Garoña, a máis antiga e insegura de España. Instalación, varias veces amortizada, que sufre de corrosión na vasilla do reactor e do circuíto primario, cun nivel de afectación (recoñecido polo Consejo de Seguridad Nuclear) e que non ten parangón con ningunha outra central del mesmo tipo nin en EE UU nin en ningún outro país. En medio deste panorama desolador encontrámonos os cidadáns da pe, a os que non se consultou sobre a construción das centrais nucleares, proxectadas durante a ditadura, e aos que se segue ignorando na "democracia" á hora de decidir sobre a conveniencia do cemiterio nuclear (poderían chegar a algún pobo 7.000 toneladas de residuos radioactivos, tóxicos e perigosos durante centos de miles de anos) nin na construción de novas centrais ou a prórroga de Garoña.
Enfronte, o discurso ecoloxista: inseguro, pouco fiable, cara, pouco transparente, insostible e sen resposta ao problema dos residuos. O derradeiro engadido o argumentario é o previsible esgotamento do uranio, que nun futuro seguirá o paso do petróleo. Ecoloxistas en Acción e Greenpeace subliñan que tralo peche das minas españolas de uranio, a dependencia do estado é similar á que existe cos hidrocarburos. O Foro Nuclear replica: coas reservas probadas hai para 100 anos; os novos reactores son máis eficientes (gastan menos) i é posible reprocesar (separar cualquier elemento utilizable e vólveo a reutilizar) o combustible gastado.
Tráennos, novamente, o debate nuclear. Os que en seu día defendemos o Nucleares? Non, graciñase colocámonos a chapa na camisa, seguimos tendo razóns xustificadas para opoñernos radicalmente, varios son os motivos:
- Non necesitamos producir cada día máis enerxía; o que hai qué facer é consumir menos.
- A enerxía "máis limpa" (termino que usan, ata o empacho, os defensores) é aquela que non se produce.
- Para solucionar os nosos problemas inmediatos, non podemos hipotecar o futuro dos que veñan.
- E a máis significativa para a miña determinación: comprobar unha vez tras outra que os que apoian estas medidas son os de sempre, os que, si é necesario, pasan por enriba de todos, ou sexa, os que están obrigados, por razóns económicas, a declarar as bondades do uranio…
Un exemplo:
Logo da explosión da plataforma petrolífera Deepwater Horizon no Golfo de México, as feridas deixadas polos case cinco millóns de toneladas de cru vertidos ao mar seguen abertas. Decenas de comunidades costeiras loitan por recuperala normalidade, 11 mortos e uns 130.000 mil entre pescadores i empresarios, os colectivos que máis sofren as consecuencias.
Un ano despois, poucas cosas cambiaron. Este mércores fai un ano…
- Das indemnizacións que están previstas, moitas delas aínda non foron satisfeitas. 3.800 millóns de dólares os que desembolsou BP, dun total de 20.000 do fondo destinado.
- Os principais executivos de Transocean, donos da plataforma da desgraza, recibiron case 1 millón de dólares en plusvalías…
- O 80% del cru do vertido aínda non foi recuperado.
- Obama levantou a moratoria que impedía as extraccións en alta mar, non cambiou o rumbo na política da Casa Blanca, sí aumentou o número de plataformas, e de novo a BP volve á perforación na zona del Golfo de México.
A situación sigue sendo moi preocupante, por moito cá avalancha de noticias solapen esa realidade ou cá propia empresa involucrada, BP, tal e como revelan diferentes fontes (The Guardian ou Greenpeace), pagaran aos realizadores de diferentes estudos sobre a situación para orientalos no seu beneficio. O ocorrido foi un enorme impacto tóxico no ecosistema. O dano perdurará décadas.
Coidado, unha mentira, cando se repite mil veces, acaba parecendo verdade. Poñámonos en garda contra a verborrea, porque teñen acceso diario a tódalas tribunas de opinión e tratarán de desarmarnos con cualificacións pouco ortodoxas, recorrendo se lles ven en gana, o manido recurso do "elementais" que somos.
Agora, Fukushima pon en perigo a segunda efémera era nuclear do novo século. Xusto cando a industria preparaba novos proxectos (tras fichar a destacados figuras do movemento ecoloxista como James Lovelock, fundador da teoría Gaia, ou ex directores de Greenpeace, todos dispostos a elixir o mal menor nuclear ante o reto do cambio climático), e chegou unha nova catástrofe para o seumarketing.
Parello a Chernóbil; Tokío vai a estar contaminado por materias radioactivas nos próximos días, anos, lustros…, probablemente as primeiras vítimas graves de Fukushima serán os 180 traballadores (denominados liquidadores) do núcleo duro da quenda de seguridade de Tokio Electric moitos deles acabaran morrendo por distintas enfermidades derivadas da súa exposición á radiación. ...xa van 80.000 evacuados en 20 km a redonda, unhas 3.400 vacas, 31.000 márraos e 630.000 polos quedaran na zona, Chernóbil contaminou ata 700 km de distancia. Si Fukushima chega tan lonxe, pode darse por rematado o breve renacemento nuclear do século XXI. A partir deles, non sabemos. O que si sabemos é que a radioactividade ''nunca desaparece'' (sigue advertindo) ''é acumulativa''.
De repente medra o medo a o non apoio público a decenas de plans de inversión billonarios en nova capacidade nuclear que abrazan Xapón, India, Taiwán, o Reino Unido, Finlandia, Vietnam, Turquía e gran parte da zona euro, incluída España. O feito de que o desastre ocorra en Xapón non axuda nada. ''Unha catástrofe nalgún país da ex URSS podería ser explicado, pero isto é Xapón, onde fan ben os deberes...''.
Pode que non sexa para tanto. Dende logo, as relaciones públicas dos lobbies industriais máis poderosos do mundo farán o posible para que este sexa a mensaxe. As autoridades xaponesas e varios expertos estadounidenses citados por The New York Times insisten en cás medidas adoptadas, a evacuación da zona nun radio de 100 km da central, así como a distribución de pastillas de iodina para previr o cancro de tiroides, evitarán graves problemas saúde. Non haberá, como en Chernóbil, 8.358 bielorrusos enfermos de cancro de tiroides por beber leite contaminada. E dos 600.000 traballadores que estiveron participando na limpeza, entre 5.000 e 10.000 morreron de maneira prematura.
Agora, os analistas económicos creen ca industria nuclear vai saír moi tocada do episodio de Fukushima e rebaixan a cualificación dos grandes grupos enerxéticos con intereses nucleares. Os axentes implicados dubídano, aínda ca actitude de Angela Merkel ten sementado dúbida. Creen que si Xapón é capaz de selar os reactores de Fukushima sen novas emisións radioactivas, a industria sairá reforzada ao superar a peor crises á que se ten enfrontado ata agora e incorporando ás centrais construídas as "leccións aprendidas" tralo terremoto e posterior tsunami. Areva, a multinacional francesa que constrúe centrais en Finlandia e China, quen proxecta vender máis dunha ducia de instalacións, cualifican de "natural” e "xustificado" que se abra un ''debate" sobre a seguridade nuclear pero reiteran cá comunidade internacional avanza cara o que chaman o "factor catro", é dicir, dúas veces menos emisións de CO2 e dúas veces máis consumo enerxético. Un desafío, din, que só se pode atender coa enerxía atómica.
Pregunta a os expertos: Qué pasaría se os avións que petaron contra das torres xemelas se esnaquizaran contra unha central nuclear?
A chapa atopase no fondo da caixa onde se amontoan fotos destinguidas, cartas, postais, os pousavasos amarelentos dalgunha cita ou viaxe… Nesa escuridade, sigue lucindo os mesmos cores brillantes. Un sol roxo sobre un fondo amarelo e un amplo sorriso. Nucleares? Non, graciñas, clama a mensaxe que o rodea. E bérrao coa mesma forza que cando prendía nas chaquetas de pana ou nas camisetas dos 70/80. Eses días en que todo parecía posible. Cós anos, a chapa pasou das solapas ao fondo da caixa dos sonos e as utopías, quedou desterrada, xunto a un cassette de Paco Ibañez, un poema de Neruda ou un libro de Albert Camus. Durante este tempo quixéronnos convencer, ou conseguírono, de cá enerxía nuclear era a alternativa. Inacabable, fronte a carestía do petróleo. Barata, fronte a o custoso das enerxías renovables. E garantíase que a tecnoloxía consegue dotala da súa terceira e definitiva virtude: a seguridade. Definitivamente, a chapa parecía ter atopado seu sitio. Unha quimera máis para o esquecemento. Outra equivocación.
Pero a realidade, as veces, atopa camiños terribles para facerse oír. Hoxe, Xapón obríganos a reflexionar e, quizá, a rebuscar a caixa esquecida.
Na medida en que vivimos nun país que case nunca resolve seus problemas, en todo caso disólveos, non debe sorprender a periodicidade coa que aparecen debates que creemos esquecidos e que, de pronto, aínda que seguro non por casualidade, volven a ocupar titulares e espazo nos medios informativos, nesta ocasión tócalle á enerxía nuclear volver a situarse en primeiro termo, e os argumentos, a favor e en contra, non aportan grandes novidades, pero sí chama a atención que algunhas personalidades convértanse agora en firmes defensores da utilización desta enerxía que negaron de forma categórica.
Así que: Nucleares? Non, graciñas, Non aos recortes laborais, Non a guerra ¡Que nos deixen vivir en paz!
É máis que probable que algunhas das persoas aquí citadas, e outras que non se citan, teñan levado esa chapa nas súas chaquetas durante algún tempo. O que tamén parece evidente é que co cambio de chaqueta a chapa (e con ela algunha cousa máis) rematara desaparecendo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario