sábado, 23 de setembro de 2017

A febre dos bancos máis bonitos de Galicia, unha moda que dana o patrimonio

XURXO SALGADO
http://historiadegalicia.gal/

Non se sabe moi ben nin como, nin porque pero o certo é que nos últimos anos un novo andazo afecta ao noso patrimonio histórico e natural. O expertos non saben aínda definir como é a nova peste, que non ten unha forma uniforme, nin está composta dun único material. O andazo chegou en forma de madeira, de pedra, de ferro e ata de plástico. Trátase dunha estrutura rectangular, comunmente chamada banco ou escano, e que xa está espallado por numerosos puntos das nosas costas. O seu obxectivo, converterse no “máis bonito de Galicia”.
De feito, esa febre comezou en Ortigueira, nos cantís de Loiba. Foi un veciño o que instalou en 2009 un escano que, co tempo, fíxose no “máis famoso de Galicia”. Alguén mesmo lle chantou un “The best bank in the world”, para testemuñar que alquel era, realmente, o asento dos deuses. Uns deuses que podían desfrutar dunha fermosa paisaxe desde cabo de Estaca de Bares ata cabo Ortegal.
Banco de Redondela / comunidad.movistar.es
Ao de Loiba pronto lle saíron irmanciños. Tantos que non tardaron en comezar as competicións. E nesas apareceu o de Redondela, en 2015, cunhas fermosisimas vistas á toda a ría de Vigo, coas illas Cíes ao fondo. Un banco coa lenda “Galiza is different” que, animado polos xornais locais, pasou a ser denominado o “banco máis bonito”, senón de Galicia, polo menos de Pontevedra.
Banco no Monte Castelo, en Viveiro / comunidad.movistar.es
Polo medio apareceron outros, moitos… parecían cogomelos. Os ourensáns situaron o seu no parque de Montealegre, con vistas a toda á cidade e aos montes que o rodean. Os de Sanxenxo puxérono en Punta Faxilda, en Noalla. Un banco que de máis de 200 quilos que ve como o sol se pon entre as Ons e Sálvora. Os de Xove chantárono en Punta Roncadoira, os de Poio na Punta Samieira, os de Viveiro no Monte Castelo –que segundo apunta Patrimonio Galego algúns cren que pode tratarse dun asentamento castrexo ou altar druídico, e outros un asentamento fortificado medieval– , os de Ferrol en Monte Ventoso e  os de Muxía elixiron o Cabo Touriñan para insistir, en tres linguas, que é o punto máis occidental da España continental. Tamén Marín e Padrenda sumáronse á moda.
Os adefesios
Pero, a febre dos bancos tamén ten as súas consecuencias negativas. Tan negativas que chegan a afectar severamente ao patrimonio natural e cultural onde se asentan. A comezos de abril, por exemplo, o Concello de Sada tiña que retirar os bancos que instalara en Punta San Mamede, un miradoiro perfecto ás rías.
Non se decatara o concelleiro respectivo que alí estaba o castro do Amandi, nin tampouco que, para obrar, tiña que consultar a Patrimonio e a Costas. Quitaron os bancos, pero a terra quedou removida. A opción que atoparon os turistas foi instalar dúas cadeiras de madeira plegables. E alí seguen.
Banco instalado na Pedra do Cadro, en Muros / TVG
Muros
Tamén Muros sufriu esta febre que non sabe de patrimonio, nin de historia. Tampouco de esforzos. Porque, da noite á mañá, apareceu un banco chantado en medio daPedra do Cadro, un lugar de difícil acceso situado a 400 metros de altura e ao que se chega por un sendeiro de difícil acceso. Nin o Concello, nin as comunidades de montes, nin o distrito forestal quinto, ao que pertence o territorio, saben nada respecto diso. Desde este lugar privilexiado, as vistas sobre a ría de Muros-Noia son espectaculares.
E, precisamente, por iso, esa pedra ten unha historia que se remonta, cando menos ao século XII, cando xa aparece en documentos do mosteiro de Toxosoutos. A rocha é unha superficie granítica moi erosionada que presenta unha ondulada cima con gretas, figuras e fochas, que algúns veciños moi devotos atribúen a pisadas de San Estebo, patrón da localidade de Abelleira. Por iso, toda a pedra e a súa contorna está chea de lendas, contos e tradicións.
Bancos no miradoiro dos Castelos, en Aguiño (Ribeira) / Concello de Ribeira
Ribeira
E o último caso constatable de bancos adefesio tivo lugar en Ribeira. Hai cinco días o concello remataba unha actuación para o acondicionamento do miradoiro dos Castelos, situado na parroquia de Aguiño. Unha actuación que incluíu a instalación de dous bancos no alto dunha das características grandes rochas deste enclave rodeados por unha varanda, así como a disposición de dúas mesas de madeira no entorno cos seus correspondentes bancos e a creación dun pequeno vial de acceso feito en zahorra con marxes de madeira.
“Cómpre lembrar tamén que na pasada primavera foron pavimentadas con aglomerado asfáltico 95 metros lineais do camiño conducente ao miradoiro dende a estrada da Graña: unha actuación esta última realizada pola empresa Eulogio Viñal”, destacaba o concello nun comunicado sobre esta obra.
O miradoiro dos Castelos está nun lugar privilexiado de Aguiño e cunhas fermosas vistas ao parque natural de Corrubedo e á ría de Arousa e illa de Sálvora. Crese que alí ou na contorna houbo, durante a Edade Media, unha fortaleza de control do territorio.
Son algúns exemplos desta nova enfermidade pero, de seguro hai máis. “Poñer un banco non fai mal a ninguén”, dicía recentemente un alcalde sobre este andazo. Non fai mal depende de onde se poña e porque se poña. Tamén se pode disfrutar do patrimonio e da natureza sen bancos ao carón, coma sempre se fixo, ciscados no chan fitando para o horizonte.

Ningún comentario:

Publicar un comentario