xoves, 3 de marzo de 2016

A Xunta permitirá plantacións de eucalipto nitens na maior parte de Galicia

Marcos Pérez Pena
http://praza.gal/

Eucaliptos nitens en Tasmania (Australia)

O pasado mes de decembro o Goberno galego presentou o decreto que regulará as novas repoboacións con eucalipto. O texto, que na actualidade se atopa en fase de alegacións, prohibe as novas plantacións de acacia e falsa acacia (Robinia), polo seu carácter invasivo, e limita, só en parte, as de eucalipto, tanto as da especie globulus (a máis común en Galicia, que adoita crecer por debaixo dos 400 metros de altitude) coma as da especie nitens (que pode crecer en alturas superiores e, ademais, resiste mellor o vento).
O decreto prohibe as plantacións de eucalipto "naquelas superficies poboadas por especies do anexo 1 da Lei de Montes de Galicia" (árbores autóctonas, maioritariamente frondosas, coma o carballo ou o castiñeiro) "incluso con posterioridade ao aproveitamento das especies do anexo 1 ou á súa afectación por un incendio forestal". Tamén prohibe a plantación de máis eucaliptos naqueles lugares nos que estes estean xa mesturados con especies autóctonas, pero nos que a árbores de orixe australiana non supere o 30% do total de pés.
A campaña Stop eucalipto, avante carballo! demanda a consideración do nitens como unha especie exótica e invasora, prohibindo o seu cultivo en toda Galicia e iniciando un plan de erradicación
No resto dos casos, o decreto permite as plantacións de eucalipto en todos os casos, de acordo co establecido nos plans de ordenación de recursos forestais dos distritos forestais, neste caso a orde da Xunta do 19 de maio de 2014. Esta orde permite o aproveitamento do Eucalyptus globulus nos distritos do 1 ao 6 e do 16 ao 19 (é dicir, en toda a provincia da Coruña, toda a provincia de Pontevedra e a Mariña lucense). E permite o aproveitamento de Eucalyptus nitens nos mesmos distritos, engadindo ademais o 10 (Terra Cha e Meira) e o 9 (Lugo e A Ulloa), especificando que deste quedan fóra Castroverde, Sarria, O Incio, Samos, Triacastela, Paradela, O Páramo e Láncara.
O pasado 5 de febreiro 21 organizacións ecoloxistas e naturalistas lanzaron a campaña Stop eucalipto, avante carballo! para denunciar "a preocupante extensión das plantacións de eucaliptos" en Galicia e "a necesidade de conservar os nosos hábitats autóctonos". A campaña alertaba da recente expansión do Eucalyptus nitens, que estaba chegando a lugares anteriormente vedados -polas condición térmicas- ao globulus. A campaña demanda a prohibición de novas plantacións e a repoboacións con eucalipto nos espazos pertencentes á Rede Galega de Espazos Protexidos e, ademais,reclamaba a consideración do Eucalyptus nitenscomo unha especie exótica e invasora, perigosa para o mantemento da biodiversidade e a funcionalidade dos nosos ecosistemas, prohibindo o seu cultivo en toda Galicia e iniciando un plan de erradicación.
As pasteiras pagan entre 6 e 12 euros menos por tonelada polonitens
A campaña lembraba ademais a sentenza ditada o pasado mes de outubro pola Audiencia Nacional, que confirmou a prohibición de plantar Eucalyptus nitens nun viveiro de Navia (Asturias), botando abaixo un recurso dunha empresa filial de ENCE. O veredicto apoiábase nun informe do Goberno de Asturias e outro do Comité Científico do Catálogo Español de Especies Ameazadas e subliñaba a "capacidade expansiva" do Eucalipto nitens, debido á súa "capacidade de proliferar en condicións térmicas estritas", sinalando que pode "resultar prexudicial para o medio natural". A sentenza recoñecía que o nitens non está rexistrada como especie invasora pero si a define, recollendo o citado nun dos informes, como unha "especie exótica naturalizada, moi perigosa polo seu carácter invasor e pola súa potencial capacidade para transformar o medio e bloquear o ecosistema".
O decreto de prepara a Xunta non establece, polo tanto, maiores restricións territoriais á expansión do nitens das que xa existen. Poderá plantarse en dúas terceiras partes do país e só quedará prohibido na provincia de Ourense, e o sur e a montaña de Lugo
O decreto de prepara a Xunta non establece, polo tanto, maiores restricións territoriais á expansión do nitens das que xa existen. Poderá plantarse en dúas terceiras partes do país e só quedará prohibido na provincia de Ourense, e o sur e a montaña de Lugo. Zonas, iso si, que na actualidade están relativamente a salvo do eucalipto e nas que o nitens si podería ter capacidade para estenderse.
Cada ano plántanse ao redor de 10.000 hectáreas denitens en Galicia, segundo a Asociación Sectorial Forestal Galega (Asefoga). Porén, como destacaba unha reportaxe de Campo Galego, as pasteiras, que antes pagaban un prezo semellante polo eucalipto nitens e polo globulus, na actualidade ofrecen un prezo de entre 6 e 12 euros menos por tonelada. A razón é que oglobulus produce un 14 % máis de pasta de celulosa por hectárea que o nitens. ENCE, que na actualidade controla o mercado da madeira en Galicia, só consume un 5-10% de nitens e non prevé incrementar as compras nun futuro inmediato.
Mapa dos distritos forestais de Galicia

Ningún comentario:

Publicar un comentario