Antón Losada
http://praza.gal/
Alexis Tsipras resolveu con éxito o seu primeiro problema. Aínda que tamén era o máis fácil.Grazas a unha cómoda maioría fornecida por uns votantes que non estaban tan indecisos como parecían poderá gobernar en solitario, ou co apoio que non lle pode negar To Potami, o recentemente chegado partido de centro esquerda. Tsamaras e a Nova Democracia que chamaba gobernar a algo que só era unha gran estafa recibiron un merecido castigo. Aínda que grazas ás ameazas da dereita que goberna maioritariamente en Europa resultou bastante máis livián que a nova pena de desterro imposta aos seus socios do Pasok. Os neonazis xa gastaron o seu minuto de gloria.
Necesita socios e necesítaos con urxencia se quere sobrevivir á súa gran vitoria e apurar as súas posibilidades de cumprir un programa tan sensato como imposible sen a axuda do continente
Agora Syriza terá que enfrontarse a un problema bastante máis complexo e de máis intrincada solución. Pode gobernar en solitario en Atenas, pero non pode gobernarse só na UE. Necesita socios e necesítaos con urxencia se quere sobrevivir á súa gran vitoria e apurar as súas posibilidades de cumprir un programa tan sensato como imposible sen a axuda do continente.
Grecia debe o 175% do seu produto interior bruto, a súa economía non crece e perdeu a cuarta parte da súa riqueza, o paro supera o 25% e os mercados están practicamente pechados para a súa débeda. A pesar da quita realizada en 2011, o rescate supón unha colosal factura de 250 mil millóns de euros que debe principalmente a unha UE onde apenas representa o 2% do PIB total. Non é David contra Goliat. É unha misión imposible.
Alemaña ten comprometidos en Grecia máis de sesenta e cinco mil millóns. Dispón de todo o tempo do mundo para especular coa opción da saída grega do euro -Grexit-, mentres pon as súas condicións a un debedor que todo o mundo sabe que non pode pagar. Tsipras necesita sumar aliados para equilibrar a balanza pero non os ten á vista. Hollande tamén ía negociar con Europa para acabar coa austeridade, pero topouse coa mesma crúa realidade e idéntica soidade. O resultado é que agora manda o socialismo arrepentido do primeiro ministro Valls.
Esperar un milagre do novo goberno grego suporía outra inxustiza máis a sumar á xa demasiado longa serie de atropelos que lles infrinximos
Se Tsipras chama ás portas de David Cameron ou Mariano Rajoy atopará devotos predicadores da austeridade. Se chama ás portas de Matteo Renzi, contaralle que Italia vai camiño das súas propias eleccións e xa falarán. Se chama ás portas dos países do Leste ou doutros compañeiros de rescate, coma Portugal ou Irlanda, topará coa temible fe dos conversos.
Francia, a segunda economía da UE, non puido acabar coa era da austeridade. Esperar un milagre do novo goberno grego suporía outra inxustiza máis a sumar á xa demasiado longa serie de atropelos que lles infrinximos. A paciencia debería volver ser unha virtude revolucionaria.
Ningún comentario:
Publicar un comentario