XOSÉ CARBALLIDO
http://www.laregion.es/
O home é o lume. A leira a estopa.
Ven o demo, e sopra
Ven o demo, e sopra
Unha vez máis, os incendios ocupan as primeiras páxinas nos xornais. Desta volta, con marcado carácter dramático: chega o lume ás casas. A tipoloxía dos asentamentos tradicionais en Galicia, ás nosas aldeas, está ben definida: arredor do núcleo habitado están as leiras de cultivo ou labrados, os prados e pasteiros, tecnicamente denominada Superficie Agraria Útil (SAU). A continuación, sitúanse o monte baixo e o monte arborado, a Superficie Forestal.
Polo tanto, se chega o lume ás casas, non estamos a falar dun incendio forestal; estamos a falar de que arden as leiras de cultivo, hoxe abandonadas e outrora produtoras de alimentos. Convertida en inútil o que tecnicamente chamamos Superficie Agraria Útil.
Temos a estopa á porta da casa. So falta o lume e que veña o demo e sopre, parafraseando o vello dito popular. Por iso que a solución non está en encher o ceo de aeroplanos tirando auga, nin centos de brigadas e motobombas. Temos que acabar coa estopa. Poñer a SAU a producir carne e leite en base a pastos, millo, trigo en vez de alimentos concentrados que veñen en barco de ultramar; producir froitas, hortalizas e flores, en vez de importar cada vez máis da Unión Europea e de países terceiros.
Calquera país “moderno” (Francia. Alemania, Holanda, Dinamarca, Canadá, Estados Unidos...) ten máis do 50% do seu territorio destinado a Superficie Agraria Útil. Ningún país sensato deixa a produción de alimentos en mans de terceiros. Galicia non chega ao 25%, e baixando. Gran parte das fincas en mans de propietarios que están fora (absentistas) ou de xente maior que nin as traballa nin as limpa. Economicamente é inviable e fisicamente é impensable. Por outro lado, hai explotacións agrarias necesitadas de ampliar a súa base territorial para limitar a dependencia de inputs externos.
Existe un instrumento para facilitar que a terra abandonada poda ser utilizada polas explotacións que queren medrar (ou nacer) mediante arrendamentos: o Banco de Terras. Pero os gobernos teñen que ser contundentes: ou traballas a finca, ou a limpas, ou a prestas ou a cedes en aluguer. Podes incorporala ao Banco de Terras para que poda ser arrendada, coas garantías ofrece este instrumento público. Ou comes, ou deixas comer. Xa hai lei e xa hai instrumento. So hai que aplicar a lei e afinar o instrumento. Xa non arden os montes. Arden as leiras á porta da casa. Isto por si mesmo non é a solución, pero canto máis tardemos, farán falta máis aeroplanos e máis xente vivindo deles,o que non fai máis que aumentar o problema.
Ningún comentario:
Publicar un comentario